Este ano haberá 6 quendas para conciliar na época estival que van dende a última semana de xuño ata a primeira de setembro. Son espazos de conciliación destinados a crianzas entre 3 e 11 anos, e neste 2024 como novidade, tamén haberá unha oferta concreta e destinada para a conciliación das mozas e mozos de 12 a 16 anos.
Desde o Concello de Soutomaior, a través da Concellería de Igualdade, ponse en marcha o programa Espazo Concilia: Trouleando en Soutomaior, destinado á conciliación da vida familiar e laboral durante os períodos non lectivos da escola para as familias do Concello de Soutomaior.
Esta mañá a concelleira de Igualdade e de Benestar, Rosana Martínez Boullosa, a directora do CIM, Cristina García e a técnica de Igualdade, Marga Taboada presentaron a oferta de conciliación que dende o Concello de Soutomaior lanzan para este verán.
Un programa que vai dirixido ás crianzas empadroados/as no Concello de Soutomaior de entre 3 e 11 anos de idade. Este ano, como novidade, tamén se oferta outro espazo concilia con actividades destinadas e concretas para mozas e mozos de 12 a 16 anos.
O horario deste Trouleando en Soutomaior, para todas as idades, é de 9 da mañá ás 14 h, pero existe a posibilidade de entrar ás 8 h (aula matinal) e de saír ás 15 h . Polo tanto existen 4 horarios a escoller: opción 1: de 9 a 14 h. ; opción 2: de 8 a 14 h.; opción 3: de 8 a 15 h.; opción 4: de 9 a 15 h.
Este programa está subvencionado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, a través da consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
En relación ás inscrición e a asignación de prazas: a inscrición das solicitudes pode facerse dende hoxe e ata o 24 de maio ás 14:00 h. na páxina web do gabinete de prensa do Concello de Soutomaior para crianzas de 3 a 11 anos en: https://qrcd.org/59UB, ou para as mozas e mozos de 12 a 16 anos en https://qrcd.org/59WK ou nas oficinas do CIM os martes o venres de 9 a 14 h dende hoxe ata o venres 24 de maio ás 14:00 h.
O Campamento desenvolverase durante a última semana de xuño, os meses de xullo e de agosto e a primeira semana de setembro no edificio Multiusos de Arcade. Desta forma contará coas seguintes quendas: 1ºquenda do 24-28 xuño; 2ª quenda do 1 -16 xullo; 3º quenda do 17-31 de xullo; 4º quenda do 1-14 de Agosto; 5ºquenda: 16 -30 de Agosto de 2024 e a 6º quenda do 2 -6 de setembro de 2024.
Valoracións e puntuación
Asignaranse as prazas segundo criterios de vulnerabilidade, acreditándose no momento da inscrición: familias empadroadas ou que traballen no termo municipal; familias monomarentais / parentais; mulleres en situación de desemprego; vítima de violencia de xénero; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares; familias con diversidade funcional; Familias numerosas e renda por debaixo de 20.844,72€
A documentación a presentar na plataforma durante a inscricións será: DNI da crianza (de non dispoñer del, fotocopia do libro de familia); DNI[s1] da nai e o pai; acreditación dos criterios de vulnerabilidade; cumprimentar os anexos de autorización de toma de imaxes. Dende o departamento de Igualdade informan de que as persoas que non presenten toda a documentación requirida, quedarán excluídas da convocatoria.

