HomePontevedraBaixo MiñoO diálogo florece no Rosal entre ‘Cravos e rosas’

O diálogo florece no Rosal entre ‘Cravos e rosas’

- Anuncio -spot_img

O Concello organiza o 3 de maio unha mesa redonda na que voces galegas e portuguesas reflexionarán sobre as oportunidades e obstáculos no século XXI

Encontro aberto a todos os públicos ao abeiro dunha experiencia social e cultural que busca tender pontes entre Galiza e Portugal

O Rosal convértese esta fin de semana en punto de encontro para o pensamento compartido, a reflexión e o diálogo transfronteirizo arredor dos grandes retos actuais. O Concello organiza este sábado 3 de maio a mesa redonda ‘O eterno retorno. Oportunidades e obstáculos para o século XXI’, un espazo no que voces galegas e portuguesas afondarán nos retos e posibilidades que definen un presente e futuro en común.

O acto celebrarase ás 12.00 h (hora galega) nos baixos da Liga de Amigos ao abeiro da iniciativa Cravos e Rosas, unha experiencia social e cultural que entre o 25 de abril e o 17 de maio, tende pontes entre Galiza e Portugal a través dunha programación compartida de eventos nos dous territorios. Inspirado nas datas simbólicas da Revolución dos Cravos portuguesa e do Día das Letras Galegas, o proxecto pon en valor a irmandade histórica, cultural e social entre ambos pobos.

A mesa redonda contará coa participación de representantes políticos, públicos e institucionais das dúas beiras do Miño:

  • Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal
  • Rui Lages, presidente da Cámara Municipal de Caminha
  • Sandra González, alcaldesa de Tomiño
  • José Manuel Vaz Carpinteira, presidente da Cámara Municipal de Valença
  • Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda de Caselas
  • Xavier Martínez Cobas, profesor da Universidade de Vigo

O debate será moderado por Xavier Paz e incluirá unha quenda aberta á participación do público, co obxectivo de fomentar un diálogo horizontal e inclusivo.

“A nosa identidade non se entende sen a memoria compartida e sen a mirada cara ao futuro”, subliña Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal. “Con Cravos e Rosas abrimos unha xanela para pensar todas e todos xuntos, para recoñecernos na diversidade e para reivindicar a cultura como motor de transformación social”, engade.

Este encontro representa unha oportunidade para o intercambio de ideas, pero tamén para fortalecer os lazos institucionais, sociais e culturais entre Galicia e Portugal, dous territorios cunha historia común que aspiran a construír tamén un futuro compartido. ‘Cravos e Rosas’ nace como un espazo aberto, colaborativo e expansivo onde calquera persoa, asociación ou institución pode compartir o seu evento e contribuír a este diálogo colectivo e fraternal entre pobos. Un abril portugués e un maio galego que se atopan e camiñan xuntos.

Publicacións Relacionadas