HomePontevedraBaixo MiñoA Deputación organiza esta semana dúas novas saídas ao abeiro do plan...

A Deputación organiza esta semana dúas novas saídas ao abeiro do plan +Convivencia das que se beneficiarán entidades de Moaña e Oia

- Anuncio -spot_img

Serán máis de 100 as persoas que poderán desfrutar da ruta “Balcóns ao mar”, dos Maios de Pontevedra e da Illa de San Simón

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana co desenvolvemento do programa +Convivencia, con dúas novas saídas de sendas entidades de Moaña e Oia. En concreto, este mércores 30 de abril un grupo de 50 persoas da Asociación de familiares de persoas con Alzheimer do Morrazo (AFAMO), de Moaña, farán a ruta sonora “Balcóns do mar”. E, pola súa parte, o xoves 1 de maio 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de Oia  desfrutarán da Festa dos Maios de Pontevedra e coñecerán a Illa de San Simón.

O programa +Convivencia, cun orzamento neste 2025 de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), permite a entidades sen fins de lucro coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia.

O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poida xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas. Ao longo de 2025 poderán participar no programa ata 229 entidades.

Publicacións Relacionadas