• Hoxe xoves e mañá venres os centros educativos acollen o espectáculo ‘Directas ao espazo’, de Trémola Teatro, dirixido ao alumnado de Educación Primaria e que conta a historia de dúas astronautas pioneiras, Sara García Alonso e Valentina Tereshkova
• O sábado, ás 10.00 horas, estrearase o vídeo da campaña, co que se rende homenaxe “ás veciñas que constrúen e fan avanzar ao noso pobo”, ademais de procederse á lectura do manifesto e á realización da Andaina da Igualdade, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan
O alcalde, Jacobo Pérez, asistiu na mañá deste xoves ao espectáculo infantil ‘Directas ao espazo’, unha representación teatral, a cargo da compañía Trémola Teatro, que se enmarca dentro das accións deseñadas polo Concello de Caldas de Reis para conmemorar o Día Internacional da Muller (8 de marzo). Un dos eidos nos que a programación elaborada pola Concellería de Igualdade pon o foco é no educativo, con varias iniciativas a desenvolver nos colexios locais. No caso desta proposta, trátase dunha historia adaptada sobre a vida de dúas astronautas, Valentina Tereshkova e Sara Garía Alonso, que romperon teitos e se converteron en referentes, ao seren, respectivamente, a primeira muller que viaxou ao espazo e a primeira española astronauta. As actividades escolares non rematan aquí, xa que os días 12 e 21 de de marzo os centros educativos acollerán o Xogo da Corresponsabilidade. Dirixida a nenos e nenas de 6º curso, as crianzas tomarán conciencia, participando nesta iniciativa, sobre a necesidade e a importancia de establecer un reparto de tarefas e obrigas tanto na propia escola como nos seus fogares. Mediante o uso de material audiovisual e un gran taboleiro e pezas de grandes dimensións, xogarán unha partida moi especial, que supón un reto cooperativo que ensina e inspira. Esta actividade destaca por ser moi dinámica e por combinar o apartado lúdico e a aprendizaxe de xeito participativo, baixo o lema ‘Xogamos xuntos e xuntas por construír un futuro máis igualitario’.
Raíñas de Caldas de Reis
Xa na xornada do sábado, 8 de marzo, terán lugar os actos centrais do programa. Ás 10.00 horas, no Auditorio Municipal, proxectarase o vídeo ‘Raíñas de Caldas’, a peza audiovisual coa que se rende homenaxe “ás nosas veciñas, que cada día constrúen este pobo, o manteñen vivo e o fan avanzar co seu traballo, esforzo e dedicación, tanto no eido laboral como no persoal, familiar e social”, explica Jacobo Pérez. Unha vez emitido, o vídeo será difundido nas redes sociais do Concello e compartirase co tecido asociativo, empresarial e con todas aquelas persoas que o desexen, para darlle a máxima visibilidade posible e recoñecer, deste xeito, ás mulleres da localidade que aparecen na gravación e que “son fiel reflexo de todas as nosas veciñas”, salienta o rexedor. Logo da proxección da peza audiovisual, procederase á lectura do manifesto, a cargo da edil de Igualdade, María del Carmen Torres Iglesias, e do propio alcalde. A continuación, se as condicións meteorolóxicas o permiten, terá lugar a Andaina pola Igualdade, que partirá do Paseo Román López e percorrerá diferentes puntos de Caldas de Reis. Trátase dun percorrido urbano, de dificultade mínima, e duns 8 quilómetros de extensión. O alcalde caldense incide no compromiso que ten o Goberno local en “traballar durante os 365 días do ano, sen descanso, en favor da igualdade de xénero, fomentando as mesmas oportunidades para todas e todos en calquera eido da nosa sociedade”.