HomePontevedraO Entroido de Redondela queima a ditadura

O Entroido de Redondela queima a ditadura

- Anuncio -spot_img

– As ditaduras e o fascismo arderán este Martes de Entroido en Redondela. Cando se cumpre o 50 aniversario da morte de Franco “aínda hai quen branquea a ditadura, faltando o respecto ás vítimas e ás súas familias”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. O Meco do Entroido redondelán lémbranos que o auxe da ultradereita en todo o mundo é unha ameaza para a democracia, a igualdade e a solidariedade entre os pobos.

– A Queima do Meco será o Martes de Entroido, o día 4 de marzo, ás 19.00 horas, co espectáculo “Pachamama” de Troula Animación. Previamente, ás 17.00 horas será o Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo. Na Alameda Castelao haberá obradoiros infantís desde as 17.00. Despois da Queima do Meco a festa continuará coa música do grupo Hey Hematoma a partir das 20.30 horas.

O Entroido de Redondela queima este ano as ditaduras e o fascismo, cando se cumpre o 50 aniversario da morte do ditador Francisco Franco. A figura que arderá este ano xa pode verse na praza do Concello. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembra que malia ser o franquismo a etapa máis escura da nosa historia “aínda hai quen a branquea, faltando o respecto ás vítimas e ás súas familias”. O pasado mes de xaneiro o pleno da corporación de Redondela declarou por unanimidade “persoa non grata” a José Luis Ferro Iglesias. O deputado popular declarou na cámara galega que “non hai constancia” de que se produciran mortes na illa de San Simón nos anos que foi campo de concentración franquista. Con estas declaracións “actúa como cómplice da ultradereita e insulta á veciñanza de Redondela e ás vítimas”, afirma Rivas.

O Meco do Entroido redondelán lémbranos que o auxe da ultradereita, tanto en Europa como en América, é unha ameaza para a igualdade, os valores progresistas e a solidariedade dos pobos. “O seu discurso xenófobo, homófobo e misóxino é unha ameaza real para a democracia. Por iso é moi importante lembrar o pasado, para que non se volva a repetir”, conclúe a alcaldesa.

A Queima do Meco será o Martes de Entroido, o día 4 de marzo, ás 19.00 horas, co espectáculo “Pachamama” de Troula Animación. Previamente, ás 17.00 horas comezará o Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo. As inscricións para participar poderán facerse nos soportais do Concello desde as 16.00 e a entrega de premios será ás 18.45 horas. Os máis pequenos terán o seu espazo na Alameda Castelao con diferentes obradoiros desde as 17.00 e ata as 19.30 horas. As rúas contarán con moita animación da man da batucada de Latexo Percusión.

Despois da Queima do Meco a festa continuará coa música do grupo Hey Hematoma a partir das 20.30 horas. A banda fará bailar ao público coas cancións de Siniestro Total na praza da Constitución.

Publicacións Relacionadas