O Foro de San Simón revela avances en memoria democrática: O Estado creará un banco xenético para identificar vítimas e indemnizar á familia de Reboiras

Redacción

– O Concello de Redondela e o Consello da Cultura Galega reuniron onte na illa a expertos de toda a Península para debater sobre o futuro e os plans de usos dos espazos da represión franquista.

– O Ministerio anunciou no encontro a creación dun banco xenético estatal e a reparación económica á familia de Moncho Reboiras, asasinado en 1975.

– A alcaldesa de Redondela e os colectivos memorialistas recriminaron á Xunta de Galicia a súa “falta de interese” e o veto a que o Concello entre na fundación que xestiona a illa.

A Illa de San Simón albergou onte a xornada “A xestión dos lugares de memoria da represión franquista”, unha cita organizada polo Concello de Redondela e o Consello da Cultura Galega. O foro converteuse no escenario de dous grandes anuncios de calado estatal e nun espazo de firme reivindicación local. O encontro espertou un enorme interese, esgotando de xeito anticipado todas as prazas dispoñibles. A xornada destacou por un perfil de público marcadamente interxeracional, con gran presenza de xente nova e de mestres de instituto, o que confirma o interese da mocidade no acontecido durante a Guerra Civil e a ditadura franquista.

Reparación económica e impulso ás identificacións xenéticas

A representación do Goberno de España estivo a cargo de Zoraida Hijosa, directora xeral de Atención ás Vítimas da Secretaría de Estado de Memoria Democrática. Durante a súa intervención, Hijosa avanzou que o Estado realizará unha reparación económica á familia de Moncho Reboiras, o histórico militante nacionalista asasinado pola policía franquista en Ferrol en 1975.

A xestión activa da memoria dá tamén un paso adiante coa creación dun banco xenético nacional. Esta ferramenta permitirá que todas as familias que o desexen poidan cruzar os seus datos de ADN cos restos das vítimas exhumadas nas fosas comúns, acelerando a súa identificación.

Reivindicacións dos colectivos memorialistas e Concello

A xornada tamén tivo momentos de intensa reivindicación política. Os colectivos memorialistas participantes recriminaron á Xunta de Galicia a súa “falta de interese” e a súa total ausencia na promoción de actividades de Memoria Democráticas. As asociacións lembraron que a administración autonómica xestiona a Illa de San Simón e criticaron que o executivo galego manteña este espazo —declarado oficialmente Lugar de Memoria— á marxe de iniciativas que dignifiquen ás vítimas do franquismo.

Nesta mesma liña manifestouse a alcaldesa de Redondela, quen agradeceu o esforzo de todos estes anos aos colectivos da memoria para conseguir que as illas sexan hoxe un espazo recoñecido. A rexedora subliñou que o Concello defende firmemente a protección deste enclave, motivo polo cal xa teñen preparado un futuro plan de usos dende o PXOM para protexer a dignidade dos máis de 6.000 represaliados no arquipélago. Así mesmo, Rivas denunciou publicamente que a Xunta de Galicia rexeitou reiteradamente a petición do Concello de integrarse na Fundación que xestiona a illa. “Parece de lóxica que se a illa está en Redondela, o seu Concello forme parte deste órgano”, declarou a rexedora, engadindo que esta negativa “non se fai contra min nin contra o meu goberno, faise contra o pobo de Redondela, contra os veciños e veciñas”. O Goberno local esixiu que o municipio sexa escoitado e convidado a opinar sobre esta parte fundamental do seu propio territorio.

Debido ao éxito de público e ás limitacións de aforo da illa, a organización confirmou que todas as intervencións e relatorios foron gravados en vídeo. Estes contidos audiovisuais subiranse nas vindeiras datas á páxina web oficial do Consello da Cultura Galega para o seu libre acceso.

Comparte este artigo