- Entre as principais novidades está o uso do selo electrónico e a autorización da actuación administrativa automatizada para determinados procedementos
- Créase un Plan de Pagos personalizado co obxectivo de facilitar o cumprimento dos tributos de vencemento periódico por parte da cidadanía
O Pleno ordinario do Concello de Ponteareas tratará hoxe 29 de xullo de 2025, por primeira vez na historia do municipio, unha Ordenanza Fiscal Xeral de Xestión, Liquidación, Inspección e Recadación Tributaria, que marcará un antes e un despois na política fiscal local.
Esta nova ordenanza supón un avance decisivo na modernización, simplificación e dixitalización da administración tributaria municipal, promovendo unha relación máis clara e próxima coa cidadanía e fomentando a transparencia en todos os procedementos fiscais.
Os obxectivos principais da nova ordenanza céntranse en establecer un marco normativo xeral que regule de forma coherente e unificada todos os procedementos fiscais municipais. Ademais, busca modernizar a xestión tributaria apostando pola administración electrónica e a tramitación automatizada, co fin de acadar unha administración máis áxil, eficiente e accesible. Outro dos piares fundamentais é garantir unha maior información, asistencia e transparencia para a veciñanza, facilitando o acceso aos procedementos e á normativa tributaria. Finalmente, a ordenanza pretende adaptar todos estes procesos ás características e necesidades específicas do Concello de Ponteareas, facendo que a xestión fiscal sexa máis próxima, xusta e eficaz.
Entre as principais novidades e medidas destacadas que introduce a nova ordenanza, cómpre subliñar o uso do selo electrónico e a autorización da actuación administrativa automatizada para determinados procedementos, o que permitirá axilizar trámites e mellorar a eficiencia na xestión. Así mesmo, créase un Plan de Pagos personalizado co obxectivo de facilitar o cumprimento dos tributos de vencemento periódico por parte da cidadanía.
A ordenanza tamén regula de maneira clara e accesible os procedementos de aprazamentos, fraccionamentos e inspección tributaria, proporcionando seguridade xurídica e transparencia. Neste mesmo sentido, promove activamente a transparencia institucional mediante a publicación e actualización constante da normativa tributaria municipal a través da páxina web do Concello.
Outro avance significativo é o establecemento dun sistema de consultas tributarias formais, que poderán realizarse de forma presencial, por escrito ou mesmo telefónicamente, sempre con plenas garantías en materia de protección de datos persoais. Finalmente, refórzase o papel da Oficina do Contribuínte, cunha atención directa e especializada, pensada para acompañar e asesorar á veciñanza en todo o proceso de tramitación tributaria.
A ordenanza incorpora tamén mecanismos de actuación extraordinaria para situacións como a declaración dun estado de alarma ou emerxencia por parte do Estado ou da Comunidade Autónoma. Estas disposicións permitirán adoptar medidas especiais temporais que faciliten o cumprimento das obrigas tributarias e reduzan a carga administrativa á veciñanza en contextos de crise.
Establécese tamén como norma xeral que, nas zonas clasificadas como solo urbano segundo o PXOM, aínda que estean fóra do núcleo do casco urbano, aplicaranse as tarifas correspondentes ao casco urbano e non ás parroquias. Esta medida busca garantir maior coherencia e equidade fiscal, e desenvolverase en cada ordenanza específica segundo o tributo correspondente.
O Concelleiro de Economía e Facenda, Francisco J. Represas, sinala que “esta ordenanza é un paso imprescindible para que Ponteareas conte cun sistema tributario moderno, claro, transparente e adaptado ás necesidades reais da xente. Apostamos por unha administración máis accesible, dixital, pero tamén máis próxima, que acompañe e informe á veciñanza. E facémolo con rigor técnico e cun compromiso firme coa xustiza fiscal”.
Con esta nova ordenanza, o Goberno municipal reafirma o seu compromiso cunha xestión pública responsable, transparente e orientada á cidadanía, e sitúa a Ponteareas na senda da modernización institucional.