- A competición terá lugar na praza do Concello este venres 17 de xullo a partir das 19:30 horas.
Este venres, 17 de xullo, as pezas de xadrez tomarán o protagonismo na praza do Concello do Porriño coa celebración do I Torneo Xadrez Concello do Porriño. Organizado en colaboración co Club Xadrez Mos, este evento promete unha tarde-noite de estratexia, emoción e moita participación cidadá.
Así, o torneo contará con dúas modalidades claramente diferenciadas para que ninguén quede fóra. Na Categoría A será un torneo oficial válido para Elo FIDE Blitz, pensado para os xogadores máis experimentados que buscan puntuar no ránking internacional. Mentres, a Categoría B está deseñada especialmente para os afeccionados e, de xeito moi particular, para as familias.
“É unha oportunidade xenial para os familiares que son afeccionados ao xadrez e que se pasan todo o ano acompañando aos nenos e nenas de torneo en torneo sen ter nunca a oportunidade de xogar”, explica Brais Otero, o coordinador do Clube. Pola súa banda, o alcalde do Porriño destacou o impacto positivo que teñen estas actividades no municipio, sinalando que “eventos como este non só dan visibilidade ao xadrez, que destaca como ferramenta educativa e social, senón que tamén fomentan valores como a concentración, a toma de decisións e o respecto polo adversario”.
Así mesmo, o rexedor reiterou o compromiso do goberno local con estas iniciativas. De feito con esta actividade o Concello da un paso máis no apoio deste deporte. Fai un ano tamén na praza Arquitecto Antonio Palacios fíxose unha exhibición de partida simultánea. Unha actividade na que xogadores do club se enfrentaban de maneira simultánea a todas as persoas, pequenos e maiores, que puideron poñer a proba as súas habilidades.
“Desde o Concello apoiamos este tipo de iniciativas que unen o deporte, a educación e a participación cidadá, e animamos a todas e todos os porriñeses a achegarse e desfrutar dunha xornada diferente e para todas as idades”.
Horarios do Torneo
A competición desenvolverase ao longo da tarde e da noite do venres cos seguintes horarios confirmados para as partidas: 19:30, 20:00, 20:30, 21:00, 21:30, 22:00 e 22:30. O acto de clausura terá lugar ás 23:00 h.
As bases completas están na páxina web do concello ( www.oporrino.org ) Ademais, para máis información e inscricións, o club facilita o teléfono 618 873 541 e o correo electrónico clubxadrezmos@gmail.com.

