O Mercadiño de Nadal abre as súas portas en Paredes con propostas de artesáns locais

adminON
Lectura mínima de 2

Distribuídos en seis casetas de madeira ofertarán un amplo ábano de agasallos feitos á man e de alimentación ecolóxica

A carpa instalada na Carretera Vella, na que a asociación de veciños mantén aberto un posto para a venta de chocolate quente e bebidas frías, intensifica o seu ambiente navideño coa apertura dos postos do Mercadiño de Nadal de Vilaboa, unha proposta que afronta a súa cuarta edición co reto de visibilizar as propostas artesáns de emprendedores locais. Este ano serán 11 propostas as que, agrupadas pola oferta de produtos similares, compartirán as seis casetas de madeira instaladas polo Concello de Vilaboa.

Escolares dos dous centros educativos do municipio participan de novo este ano ofertando diversos artigos, entre eles café e viño quente, para autofinanciarse a súa excursión de fin de curso.

Pintura, xoiería artesanal, esmaltes, complementos en coiro, manualidades, alimentación ecolóxica, prendas de segunda man, xabóns artesanais e libros de segunda man serán algúns dos artigos que se poden adquirir no Mercadiño de Nadal ata o 6 de xaneiro, da man de Obradoiro Hedra, ERRE3, Alcrique e Cachiboreta, que este ano compartirá stand con tres mulleres novas que se incorporan a esta iniciativa comercial ofertando agasallos feitos á man.

O Mercadiño, que conta con iluminación e fío musical para ambientar o entorno, permanecerá aberto ata o 6 de xaneiro en horario de tarde, ata as 21 horas entre semana e en función da demanda os sábados e domingos.

A programación de Nadal elaborada polo Concello terá na Carretera Vella o escenario dalgunha das súas actividades, como o Concerto de Panxoliñas previsto para o día 29 ás 19 horas e o remate da Cabalgata de Reis o día 5 de xaneiro.

Carmen Gallego, concelleira de Promoción Económica, aposta con esta iniciativa pola visualización do traballo artesanal, como xa fixo noutros eventos sectoriais celebradas ao longo deste ano en Vilaboa.

Comparte este artigo