O Concello asume a iniciativa pública para desbloquear unha actuación prioritaria do PXOM cun modelo que reforza o espazo público, as zonas verdes, os equipamentos e o acceso á vivenda
O Concello de Mos presentou este venres o Novo Puxeiros, a actuación coa que impulsará o desenvolvemento dunha das principais áreas de crecemento do municipio mediante un novo modelo urbanístico que combina vivenda, espazos públicos, zonas verdes, equipamentos e servizos.
Presentada baixo o lema “ConstruíMOS futuro”, esta actuación, que abrangue unha superficie total de 32.617 metros cadrados, impulsará o desenvolvemento dunha das principais áreas de crecemento do municipio mediante un modelo urbanístico que sitúa o espazo público no centro da planificación e aposta por un crecemento máis ordenado, sostible e pensado para as persoas.
O proxecto redefine a maneira de entender o desenvolvemento urbano en Mos, xa que combina vivenda, zonas verdes, equipamentos públicos e espazos de convivencia nunha actuación integrada, deseñada para responder ás necesidades actuais e futuras da veciñanza e contribuír a fortalecer un dos principais núcleos urbanos do municipio.
O Novo Puxeiros nace coa vocación de converterse nun referente do modelo de futuro polo que aposta o Concello de Mos, xa que prioriza a calidade do espazo público, a mobilidade peonil, a integración paisaxística e a creación de novos servizos, configurando unha contorna máis accesible, máis verde e máis amable para vivir.
De feito, esta actuación constitúe o primeiro paso dunha estratexia municipal orientada a fortalecer os principais núcleos urbanos de Mos, promovendo un crecemento máis ordenado, equilibrado e sostible. Esta visión terá continuidade noutras actuacións previstas en ámbitos como Sanguiñeda, As Pozas, San Eleuterio ou Peinador, co obxectivo de consolidar núcleos con máis servizos, mellores espazos públicos e máis oportunidades para vivir.
Esta nova ordenación en Puxeiros reserva preto de dous terzos da superficie do ámbito para dotacións públicas, unha porcentaxe que evidencia a aposta por un urbanismo no que o espazo público se converte no elemento vertebrador do desenvolvemento. Neste sentido, os 10.532 metros cadrados de zonas verdes e espazos libres duplican a previsión inicial do PXOM, mentres que os 3.246 metros cadrados destinados a equipamento comunitario (para uso cultural, de lecer, actividades comunitarias e servizos municipais) supoñen un incremento do 23 %. O resultado é un espazo máis amable, accesible e funcional, integrado na contorna e adaptado á topografía, pensado para as persoas e para minimizar a presenza e a interferencia do tráfico rodado na vida cotiá. O proxecto contempla ademais 110 prazas de aparcadoiro público e a construción de 240 vivendas, das que 80 serán protexidas.
Durante o acto, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que o Novo Puxeiros representa a forma na que o Concello de Mos entende o desenvolvemento do municipio, apostando por un crecemento que combine novas oportunidades de acceso á vivenda cun incremento dos espazos públicos, dos servizos e da calidade urbana.
“O futuro de Mos pasa por crecer con planificación e pensando sempre nas persoas. Queremos que cada novo desenvolvemento deixe máis servizos, máis zonas verdes, máis espazos para convivir e máis oportunidades para vivir no noso Concello”, destaca a rexedora.
A alcaldesa, que estivo acompañada por Xavier Rivas, de Ótima, e polos arquitectos José Luis Quintela e Enrique Gil, de Quintela+Gil Arquitectos, equipos responsables da redacción da proposta do Novo Puxeiros, subliñou que esta actuación reforza a aposta municipal por consolidar os núcleos urbanos e avanzar cara a un modelo de crecemento máis equilibrado, sostible e cohesionado, no que o interese xeral e a calidade do espazo público se sitúan no centro da planificación.
Co obxectivo de facer realidade esta actuación estratéxica, o Concello de Mos asumirá a iniciativa pública do seu desenvolvemento, exercendo as competencias que lle corresponden como administración responsable da xestión urbanística do municipio pasando dun sistema de compensación a un sistema directo de cooperación. Para iso, promoverá unha modificación puntual do PXOM que permitirá integrar nunha única actuación os dous ámbitos de solo urbano non consolidado de A Portela previstos no Plan Xeral, configurando unha ordenación máis racional e coherente.
Esta nova planificación concentrará os espazos públicos, as zonas verdes e os equipamentos nunha posición central, reforzando o seu papel como elementos vertebradores do novo desenvolvemento e contribuíndo a consolidar a contorna como un dos principais núcleos urbanos de Mos.

