O Partido Popular propón o reparto de 16.000 cheques de 50 euros para gastar no comercio local

Redacción
  • Rafa Domínguez presentou hoxe o Bono PonteDeCompras, que cun investimento público de 800.000 euros tería un alcance de preto de 3 millóns de euros nos pequenos establecementos da cidade do Lérez
  • “Detrás de cada comercio hai unha familia e se un negocio pecha, todo o barrio perde”, indicou o presidente local do PP de Pontevedra

O presidente local e portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou hoxe nas Galerías Oliva de Pontevedra unha proposta de dinamización do comercio local que suporá unha inxección de preto de 3 millóns de euros nos pequenos establecementos da cidade do Lérez.

Domínguez ten unha proposta firme e concreta para apoiar o comercio de barrio: o reparto de 16.000 cheques de 50 euros entre a veciñanza de Pontevedra para que se gasten no pequeno comercio. Isto suporía un investimento de 800.000 euros de diñeiro público e traduciríase en preto de 3 millóns de euros de gasto total nos establecementos comerciais que se adhiran á campaña.

O Bono PonteDeCompras podería materializarse o vindeiro ano se Rafa Domínguez alcanza a Alcaldía no mes de maio e implicaría unha importante inxección para o pequeno comercio de Pontevedra, no que se inclúe tamén a hostalería, as peluquerías, os autónomos e todos os servizos de proximidade da cidade.

Para Domínguez o pequeno comercio é o que da a vida aos barrios e as parroquias de Pontevedra, “porque é o que mantén as rúas vivas, iluminadas e seguras. E nós estamos moi agradecidos”. O líder do PP de Pontevedra entende que cada día é máis duro para os establecementos saír adiante e competir xa non só coas grandes cadeas e as grandes superficies, senón tamén co mercado online.

O líder do PP de Pontevedra recalca a importancia do pequeno comercio que sempre está presente e que, sobre todo, ten detrás de cada persiana unha familia, postos de traballo, e unha cercanía, confianza e cariño que non se atopa no comercio online nin nas grandes superficies.

A proposta inclúe dúas campañas de 400.000 euros ao longo do ano que se establecerán por consenso cos comerciantes adheridos. O bono sería moi sinxelo de solicitar, sen papeleo, dun xeito similiar ao funcionamento do Bono Comercio da Xunta que tan bo resultado está a dar.

 “O Concello de Pontevedra poría 50 euros e o usuario, como mínimo, outros 50 euros. Serán 800.000 euros en dúas campañas negociadas co comercio local, porque nós sempre apostamos polo diálogo. Se tomamos como exemplo o Bono Comercio da Xunta que ten un orzamento de 2,5 millóns e ten un impacto de 8 millóns, nós entendemos que estes 800.000 euros terán un impacto de 3 millóns de euros”, indica Domínguez.

Ademais, cabe lembrar que este cheque de 50 euros será complementario a outros bonos comercio que poidan existir ou xurdir do resto de administración, porque toda axuda é benvida para o comercio local. “As nosas propostas son sempre en positivo. Cada compra de barrio é unha inversión en Pontevedra”, remata Domínguez.

Comparte este artigo