O Pazo de Mos inaugura a exposición “Esencia da mente. Realismo NAS” de Diego de Giráldez

Redacción

A mostra reúne quince obras do pintor galego e poderá visitarse ata o 24 de setembro

O Pazo de Mos inaugurou a exposición “Esencia da mente. Realismo NAS”, unha mostra de Diego de Giráldez que reúne quince obras realizadas entre 1981 e 2020. Algunhas delas preséntanse por primeira vez e recollen boa parte da evolución creativa dun dos pintores galegos con maior proxección das últimas décadas.

Ao acto asistiu o tenente de alcalde de Mos, Camilo Grandal, xunto a representantes da Fundación Pazo de Mos, que acompañaron ao artista na apertura da exposición.

A mostra ofrece un percorrido pola obra de Giráldez a través de pezas como El emigranteDiálogo bajo el líquido vitalLa mujer en el universoVida y soledadEl gallo en Las Meninas ou El nacimiento de la vida. En todas elas está presente o Realismo NAS, a corrente artística creada polo propio autor, na que a realidade convive coa simboloxía e cada cadro agocha unha segunda lectura.

A carreira de Diego de Giráldez tamén está vencellada a Salvador Dalí. Durante a súa etapa en Cataluña coñeceu persoalmente o pintor de Figueres e mantivo relación con el nos seus últimos anos de vida a través de Antoni Pitxot, colaborador e posterior director do Teatro-Museo Dalí. Anos despois, Giráldez desenvolvería o Realismo NAS, un estilo propio que segue definindo a súa obra.

A exposición poderá visitarse ata o 24 de setembro. Durante os meses de xullo e agosto abrirá de 14.00 a 18.00 horas, mentres que en setembro o horario será de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas.

A mostra forma parte da programación cultural do Pazo de Mos, que continúa abrindo as súas portas a artistas e propostas vinculadas á creación contemporánea galega.

Comparte este artigo