HomeO MorrazoBueuO Pleno de Bueu aproba o inicio do expediente de contratación da...

O Pleno de Bueu aproba o inicio do expediente de contratación da piscina e o convenio da estrada de Meiro

- Anuncio -spot_img
  • As dúas propostas que se levaron á sesión extraordinaria do pasado venres contaron coa unanimidade da corporación municipal

A corporación municipal de Bueu celebrou o pasado venres, 19 de decembro, unha sesión plenaria extraordinaria da corporación municipal que serviu para aprobar por unanimidade dous asuntos de especial importancia para a vila. Trátase do convenio interadministrativo coa Deputación de Pontevedra para a mellora da seguranza viaria na EP-1306, que é a que percorre o lugar de Meiro; e do inicio do procedemento de contratación de servizos para o funcionamento integral das instalacións da piscina municipal cuberta de As Lagoas. Ambos asuntos saíron adiante co voto favorable do BNG, PSOE e PP nunha sesión celebrada ás cinco da tarde e que non superou a media hora de duración.

O primeiro tema foi o do convenio de mellora do vial de Meiro, un trámite que se esixía por parte da Deputación para poder cumprir coa achega municipal, que ascende a 204.456,99 €, e que suporá o arranxo dunha estrada moi demandada pola veciñanza e que despois pasará a formar parte do viario municipal. Aproveitando o debate, o alcalde apuntou que “agardamos poder ter pronto tamén o convenio da estrada de A Roza, en Beluso”.

Xa a continuación foi a quenda do inicio do procedemento de contratación de servizos para o funcionamento integral das instalacións da piscina municipal. O rexedor salientou que “é moi necesario regularizar a situación actual da piscina que leva aberta dende o 2021 e que suporá que cos novos pregos teñamos horarios máis amplos e accesibles, salas máis completas e cursos de natación”. O contrato ascenderá a 1.884.236,46 € e terá unha duración de catro anos con posibilidade de prórroga dun máis, e o plan do consistorio é que proximamente se ultimen os pregos e se lance o expediente de contratación, polo que se agarda que estea en pleno funcionamento a mediados de ano. Xosé Leal, edil de facenda e contratación pública, remarcou que “é un asunto que levamos moitos anos tentando acometer, sen que fose posible ata agora, polo que agora incluirase nas melloras do contrato a rápida posta en funcionamento”. Pola súa banda, Elena Estévez, voceira do PP, declarou que “por fin, e dunha vez por todas, se normalizará esta situación que dende o noso grupo levamos anos reclamando por sentido de responsabilidade”. Estévez anunciou o voto favorable do PP, pero botoulle en cara ao executivo que “hai discrepancias cos números” e que “se salten sempre as comisións informativas”.

Publicacións Relacionadas