O Pleno de Mos aproba por maioría a ordenanza reguladora da Escola Infantil Municipal do Rebullón

Redacción

O Pleno do Concello de Mos aprobou hoxe por maioría a Ordenanza Fiscal Reguladora do Prezo Público da Escola Infantil Municipal do Rebullón, un trámite imprescindible para continuar coa posta en marcha do novo centro público.

Durante o debate plenario, a alcaldesa destacou que esta aprobación supón “culminar un paso fundamental para facer realidade un proxecto moi importante para Mos e para as súas familias. Hoxe aprobamos a ferramenta que permite seguir avanzando con tódalas garantías na apertura da Escola Infantil Municipal do Rebullón”.

A rexedora puxo en valor que se trata dunha escola infantil pública de titularidade municipal, creada para ampliar a oferta de prazas no municipio e facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Un modelo de xestión para ofrecer o servizo canto antes

A escola prestarase mediante un contrato de servizos, unha fórmula plenamente válida desde o punto de vista legal e empregada por distintas administracións públicas para a xestión deste tipo de servizos.

O Goberno local optou por este modelo porque permite reducir os prazos administrativos e acelerar a posta en funcionamento da escola fronte a outras modalidades de xestión que requiren unha tramitación máis longa.

“O importante para este Goberno era abrir a escola canto antes, mantendo sempre o seu carácter público. Escollemos a fórmula que nos permitía cumprir ese compromiso coas familias de Mos, porque o relevante non é o modelo de xestión, senón que o servizo sexa público, de calidade e estea dispoñible cando as familias o necesitan”, afirmou a alcaldesa.

O procedemento de contratación continúa avanzando con normalidade. Na actualidade son sete as empresas que presentaron oferta para prestar o servizo, atopándose o expediente na fase de comprobación da documentación administrativa.

Máis prazas públicas para as familias

A Escola Infantil Municipal do Rebullón abrirá inicialmente con 41 prazas, cunha segunda fase prevista que permitirá ampliar a súa capacidade ata as 82 prazas.

Coa súa posta en marcha, Mos contará con sete escolas infantís: catro de titularidade pública e tres de titularidade privada, consolidando unha ampla rede de atención á primeira infancia.

Ademais, a atención educativa en xornada ordinaria estará bonificada ao 100 %, do mesmo xeito que no resto das escolas infantís de Galicia, unha medida impulsada pola Xunta de Galicia que garante a gratuidade deste servizo para as familias.

Un investimento público e un servizo sostible

A construción da Escola Infantil Municipal do Rebullón foi financiada integramente pola Consellería de Política Social, cun investimento próximo aos 800.000 euros. A maiores, a Xunta financiou tamén o 100 % do mobiliario e equipamento, cun investimento de arredor de 60.000 euros.

Un expediente avalado polos informes técnicos

O Goberno municipal lembrou durante o Pleno que a ordenanza aprobada conta cos informes favorables da Tesourería, da Secretaría e da Intervención municipais, que avalan a súa legalidade e a súa viabilidade económica.

A alcaldesa concluíu destacando que “este Goberno segue cumprindo os compromisos adquiridos coa veciñanza. A Escola Infantil Municipal do Rebullón é un proxecto estratéxico para Mos porque amplía os servizos públicos, crea novas prazas para as familias, favorece a conciliación e reforza a aposta por un municipio pensado para vivir, traballar e formar unha familia”.

Comparte este artigo