O Porriño acolle un contacontos ilustrado e musicado para homenaxear a Begoña Caamaño

Redacción

●      A actividade celebrarase o 8 de xullo na praza Arquitecto Antonio Palacios con narración, música, ilustración, un coloquio e un obradoiro creativo arredor da autora das Letras Galegas 2026

O Concello do Porriño acollerá o vindeiro mércores 8 de xullo, ás 10:30 horas, na praza Arquitecto Antonio Palacios, o contacontos ilustrado e musicado “As letras de Begoña Caamaño”, unha proposta cultural promovida pola Deputación de Pontevedra para achegar á cidadanía a figura da escritora e xornalista que xa foi homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

O espectáculo estrutúrase en tres partes nas que se combinarán a narración da biografía da autora, a creación dunha ilustración en directo e distintas interpretacións musicais. Ademais, ao remate desenvolverase un coloquio arredor da súa traxectoria e un obradoiro no que as persoas participantes poderán elaborar a súa propia caricatura da escritora.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinaloa que “o Concello continúa apostando por unha programación cultural diversa e de calidade que achegue á veciñanza o patrimonio literario e artístico de Galicia. Estas actividades permítenos render homenaxe a Begoña Caamaño e, ao mesmo tempo, crear un espazo de encontro arredor da lectura, a música e a creatividade”.

A actividade forma parte dunha xira que percorrerá 35 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra co obxectivo de dar a coñecer a vida e a obra de Begoña Caamaño a través dun formato aberto á participación e a partir de varias disciplinas artísticas.

Begoña Caamaño desenvolveu boa parte da súa carreira profesional na Radio Galega, onde destacou polo seu labor nos servizos informativos e culturais e pola dirección de programas como Andando a Terra ou Club Cultura. Como escritora, acadou un amplo recoñecemento con obras como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, converténdose nunha das voces máis relevantes da literatura galega contemporánea e, ao mesmo tempo, nun referente polo seu compromiso coa lingua galega, o feminismo e a realidade social do país.

O Concello do Porriño continúa colaborando para difundir a cultura galega e para promover aquelas actividades que achegan á veciñanza ao legado das figuras máis destacadas das nosas letras.

Comparte este artigo