A maxistrada María Jesús Mosteiro puxo o foco na sociedade para previr e axudar
A Praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu este mércores os actos centrais do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha xornada marcada pola emoción, a reivindicación e o recordo ás vítimas baixo o lema municipal «Nin medo nin silencio. Liberdade».
A través da actividade «Cadeiras baleiras», que contou coa activa participación do alumnado da ESO visibilizouse ás 47 mulleres que xa non están porque a súa vida foi sesgada a mans das súas parellas ou exparellas, 47 mulleres asasinadas este ano en España.
Un acto que contou coa maxistrada María Jesús Mosteiro, responsable dos asuntos de violencia sobre a muller no Xulgado do Porriño, que puxo o foco en que a violencia contra as mulleres non é un problema privado nin unha cuestión de parella, senón un grave problema de toda a sociedade que vulnera os dereitos humanos.
Mosteiro subliñou que as leis, os pactos de Estado e o Convenio de Estambul deben traducirse en “protección real, recursos especializados e xustiza preto da cidadanía.” Así mesmo, a xuíza fixo fincapé na necesidade de incidir na educación preventiva dende a base —para ensinar que o celo non é amor e que o control non ten cabida nunha relación— e lembrou que cada cadeira baleira representa unha vida arrebatada e unha familia rota á que a sociedade non pode dar as costas.
O compromiso do Concello e o chamamento á denuncia
Pola súa banda, o alcalde do Porriño interveu para destacar a gravidade dos datos actuais: «Cando presentamos este acto, 44 mulleres foran asasinadas en España a mans das súas parellas ou exparellas. Dende entón, tivemos que sumar tres cadeiras máis: ata 47. Cadeiras baleiras, ausencias, dor, impotencia… Iso é o que vemos hoxe nesta praza».
O rexedor manifestou o compromiso firme da administración local na defensa da integridade das mulleres e dos seus fillos e fillas, lembrando que os recursos municipais están a disposición da veciñanza: Todas e todos podemos colaborar: dende o concello, poñendo a vosa disposición os servizos da Policía Local —incluída no sistema Vioxen— e os recursos do CIM, non só para axudar a denunciar, senón para acompañar as vítimas con atención psicolóxica e orientación legal». Ademais, fixo un chamamento a toda a cidadanía para dar visibilidade ao problema, denunciar calquera indicios de violencia na contorna e traballar unidos cara a unha sociedade igualitaria.
O acto central completouse cun respetuoso minuto de silencio en memoria das vítimas e finalizou cun emotivo concerto de corda a cargo da Escola de Música do Porriño.
O comercio local súmase aos actos
A mobilización municipal tivo tamén un gran respaldo no tecido económico local. Grazas a unha iniciativa da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), en colaboración co Concello e o centro comercial aberto Morea, os establecementos asociados están a expoñer nas súas entradas e escaparates unha rosa branca e un cartel conmemorativo co lema “O comercio do Porriño di NON á violencia de xénero”, que inclúe os nomes das mulleres asasinadas en 2026 segundo os datos oficiais. Un xesto co que o sector comercial quere amosar o seu rexeitamento frontal a esta lacra e brindar todo o seu apoio ás vítimas.
Tamén no Multiusos de Torneiros o personal do centro, dos obradoiros, de Porremprego e do SEPE conmemorouse a data.

