O PP de Pontevedra afea a Lores catro anos de inacción para optar ás bandeiras azuis

Redacción

● A formación de Rafa Domínguez agarda, desde o ano 2022, o inicio dos estudos necesarios para que as praias fluviais do Lérez e de Ponte Sampaio obteñan este distintivo de calidade

● Raquel Martínez: “Contar con bandeira azul garante aos cidadáns unha excelente calidade da auga, unha contorna segura, accesible e sostible, alén de acreditar o compromiso do Concello co seu mantemento e conservación”

O Partido Popular de Pontevedra lamentou que o Goberno municipal, co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á fronte, non impulsase ningunha actuación desde que o portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, solicitase en 2022 o inicio dos estudos e traballos pertinentes para que as praias fluviais do Lérez e de Ponte Sampaio cumpran os criterios esixidos para ter bandeiras azuis.

A concelleira do PP de Pontevedra Raquel Martínez criticou que o Concello siga “coa materia pendente” de optar a este distintivo de calidade medioambiental para espazos de baño. Neste sentido, lembrou que se trata dun recoñecemento outorgado por un organismo independente e de prestixio como é a ADEAC, e que este verán lucirán 118 praias e 38 municipios de Galicia.

“Contar con bandeira azul garante aos cidadáns unha excelente calidade da auga, unha contorna segura, accesible e sostible, alén de acreditar o compromiso do Concello co seu mantemento e conservación. Non é unha cuestión estética, senón unha garantía para as familias que desfrutan destas zonas de baño”, destacou a edil popular.

O PP de Pontevedra defendeu que a praia fluvial do Lérez, en pleno corazón da cidade, e a de Ponte Sampaio, na desembocadura do Verdugo, son “dous enclaves naturais de enorme valor medioambiental” e por iso considera “incomprensible” que o Goberno local do BNG siga sen dar os pasos necesarios para obter esta certificación.

Os requisitos para obter a bandeira azul son sinxelos e asumibles: acreditar a durante polo menos catro anos consecutivos a calidade da auga, dispoñer dunha adecuada xestión ambiental, recollida selectiva de residuos, servizo de socorrismo, accesibilidade universal e actividades de educación ambiental.

“Son esixencias razoables que calquera Concello comprometido cos seus veciños debería asumir como propias. Resulta especialmente significativo que Galicia presente este ano unha candidatura de praia fluvial na provincia de Ourense, mentres Pontevedra permanece inmóbil. O contraste é difícil de explicar”, lamentou a Martínez.

En definitiva, o PP de Pontevedra volve esixir ao Gobierno de Lores que presente un plan concreto, con prazos realistas, para que a bandeira azul ondee na praia fluvial do Lérez e na de Ponte Sampaio.

“Os pontevedreses merecen saber cando poderán desfrutar das súas praias fluviais coas mesmas garantías que ofrecen outros municipios da nosa contorna máis próxima como Sanxenxo, Bueu, Marín, Poio ou Ponte Caldelas”, concluíu.

Comparte este artigo