• Pepa Pardo considera inxustificable contratar unha asistencia técnica a unha empresa externa para supervisar un servizo millonario cuxa xestión corresponde ao Concello e á propia concesionaria
• A edil popular esixe que o diñeiro de todos os pontevedreses xestiónese con responsabilidade: “Que van crear agora a policía do lixo?”
A concelleira e secretaria xeral do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo, criticou a decisión do Gobierno local do BNG de contratar unha asistencia técnica externa para supervisar a execución do servizo de limpeza viaria e xestión de residuos, un contrato que supera os 238,2 millóns de euros e que terá unha duración de 20 anos.
Pardo denunciou que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, prevé destinar 400.000 euros a unha empresa externa que se encargará de comprobar o cumprimento das obrigacións da concesionaria do servizo, avaliando aspectos como o estado de limpeza das rúas ou a xestión dos residuos urbanos.
A edil do PP considera que este gasto para os próximos catro anos resulta difícil de xustificar cando o Concello de Pontevedra e a propia empresa concesionaria deberían contar cos mecanismos necesarios para controlar a prestación do contrato de lixos.
“Desde o Partido Popular esixímoslle a Lores que xestione con responsabilidade o diñeiro de todos os pontevedreses. Se despois de adxudicar un contrato de 238,2M€, necesita contratar outra empresa para comprobar que a concesionaria cumpre coas súas obrigacións, algo non se está facendo ben”, lamentou.
Neste sentido, lembrou que o novo contrato de lixos, que entrou en vigor despois de numerosas prórrogas do servizo, é o de maior contía económica da historia de Pontevedra e cuestionou que o Goberno de Lores recorra a unha supervisión externa para garantir o seu correcto funcionamento.
“Destinar outros 400.000€ adicionais a fiscalizar o que xa debería estar a supervisar a empresa concesionaria e o propio Concello é unha auténtica vergoña. Que van crear a policía do lixo?”, cuestionou.
Para rematar, Pardo reclamou ao Gobierno en minoría de Lores unha maior presenza na rúa para coñecer de primeira man o estado dos servizos esenciais, no canto de estar afastados dos problemas reais da cidadanía nos seus despachos de Michelena 30.

