• “A nosa sorpresa foi maiúscula ao comprobar que, apenas tres semanas despois da súa instalación, a infraestrutura xa non está”, afirma Silvia Junco tras recibir varias queixas dos ciclistas
• A edil popular esixe respostas do Gobierno do BNG: “Se existe un problema, o responsable é solucionalo canto antes e ofrecer información aos pontevedreses, non facer que desapareza unha das dúas estacións sen dar ningunha explicación”
O Partido Popular de Pontevedra denunciou a retirada dunha das dúas estacións de reparación de bicicletas que o Goberno municipal do BNG presentou “aos catro ventos” a principios do mes de xullo como unha nova instalación para favorecer a mobilidade ciclista na cidade.
Tras recibir as queixas de varios usuarios, a concelleira popular Silvia Junco desprazouse ata a estación situada á saída da ponte do Burgo, fronte á gasolineira, para comprobar a súa retirada. “A nosa sorpresa foi maiúscula ao comprobar que, apenas tres semanas despois da súa inauguración, a estación xa non está”, asegurou.
A edil do PP de Pontevedra considera que este episodio volve poñer de manifesto unha forma de gobernar baseada “no anuncio e a fotografía en prensa, pero non en garantir que as actuacións sexan realmente útiles para os veciños”. “Non ten sentido presentar unha infraestrutura como un avance para a mobilidade e que desapareza ás poucas semanas, deixando aos usuarios sen un servizo de reparación de bicicletas que consideramos positivo”, defendeu.
Junco lembrou que este tipo de instalacións deben responder a unha planificación seria e ofrecer estabilidade no tempo. “Os pontevedreses necesitan servizos que funcionen e que estean dispoñibles cando os necesitan, non actuacións improvisadas que, baixo o paraugas do BNG, duran menos dun mes”, lamentou.
Por iso, o Partido Popular pide ao Gobierno municipal e ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que expliquen os motivos da retirada da estación e aclaren se volverá instalarse, así como o prazo previsto para iso. “Se existe un problema, o responsable é solucionalo canto antes e ofrecer información aos cidadáns, non facer que desaparezan as infraestruturas sen dar ningunha explicación”, concluíu.

