HomePontevedraPontevedraO PP de Pontevedra esixe a retirada inmediata do transformador incendiado no...

O PP de Pontevedra esixe a retirada inmediata do transformador incendiado no CEIP de Barcelos

- Anuncio -spot_img

• Silvia Junco: “É inadmisible que, case sete anos despois do polémico suceso, o transformador continúe dentro do recinto escolar”

• Os populares tiran das orellas ao BNG por tentar desviar responsabilidades cando a propia compañía eléctrica confirmou que o traslado depende do Concello de Pontevedra

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Silvia Junco esixiu a retirada inmediata do transformador situado no CEIP Praza de Barcelos para dar cumprimento ao acordo técnico alcanzado entre o Concello de Pontevedra e Unión Fenosa en 2019, tras o incendio sucedido en decembro de 2018 que obrigou a evacuar ao alumnado do centro educativo e que provocou cortes da subministración eléctrica a 1.953 clientes da zona urbana.

“Desde o PP de Pontevedra parécenos inadmisible que, case sete anos despois do polémico suceso, o transformador continúe dentro do recinto escolar. A seguridade dos nenos e nenas debe ser prioritaria para calquera administración. O goberno local ha tido tempo máis que suficiente para cumprir co traslado comprometido”, criticou a edil popular.

A finais de 2024, o goberno nacionalista anunciou que o traslado se faría efectivo no primeiro trimestre de 2025. “Con todo, chegou o verán e seguimos no mesmo punto por culpa dun alcalde e un concelleiro de Educación que nin sequera se preocupan do mantemento dos centros educativos, a pesar de ser da súa competencia”, lamentou.

Neste sentido, acusou ao BNG de incumprir o seu compromiso coa comunidade educativa de Barcelos ao non executar o traslado e soterramento do transformador fose do recinto escolar. “Por desgraza, imos camiño de sete anos e seguen sen priorizar unha actuación que podería realizarse durante a tempada estival, aproveitando as vacacións escolares”, engadiu.

“Non entendemos esta demora inxustificable. O goberno local tenta desviar responsabilidades cando a propia compañía eléctrica confirmou que o traslado depende do Concello de Pontevedra. Ao PP aseguróusenos que se axilizarían os trámites para que o transformador deixase de supoñer un perigo para o alumnado”, sinalou.

Junco tamén denunciou a falta de vontade política por parte do BNG, ao non incluír esta actuación entre as súas prioridades durante a execución das obras de transformación da Praza de Barcelos.

Por outra banda, enumerou outros incumprimentos como o “estado lamentable de mantemento do colexio que, por exemplo, leva un ano esperando por unha manilla de emerxencia, e que non puido desenvolver o seu Plan de Protección Escolar, debido á presenza de valos de obra na rúa Rouco, desde setembro, a pesar de que o Concello asegurara que se ían a retirar de forma inminente”.

Publicacións Relacionadas