O PP esixe axilidade no estudo de mobilidade de San Roque e contorna, polo que os veciños levan 15 meses esperando

Redacción

● O concelleiro Iago Acuña apunta ao caos de tráfico que vive a zona tralo peche ás bravas da avenida Raíña Vitoria

● Falta de mantemento, beirarrúas estreitas e espazos públicos descoidados son o resumo dun barrio “que merece a mesma atención e respecto que o resto de Pontevedra”

O Partido Popular de Pontevedra esixe ao Goberno de Lores que axilice o estudo de mobilidade prometido para o barrio de San Roque e a súa contorna, dende a Alameda e Raíña Vitoria até toda a zona da Moureira e as avenidas de Uruguai e As Corbaceiras.

O concelleiro Iago Acuña apunta que “un ano despois de que o Goberno de Lores anunciase un estudio de mobilidade para o barrio de A Moureira e a súa contorna aínda non temos novidades ao respecto. Pasaron máis de 15 meses e os veciños seguen agardando por respostas e por actuacións concretas” que ofrezan unha solución ao un tráfico caótico que se move en toda esta contorna.

Acuña apunta á “falta de planificación” do Goberno local e á errada decisión de pechar Raíña Vitoria sen ningún tipo de criterio obxectivo. Para o concelleiro do Partido Popular de Pontevedra o máis grave de toda esta situación é que foi o propio concelleiro responsable de Ordenación da mobilidade urbana, César Mosquera, o que recoñeceu publicamente que a este barrio non se lle puxo moita atención.

A situación resulta aínda máis acusada “despois de pechar ao tráfico Raíña Vitoria ás bravas e sen realizar un estudio de mobilidade previamente. Fai falta unha confesión máis clara de abandono?”, pregúntase o concelleiro popular.

Neste sentido, Acuña lembra que Mosquera tamén recoñeceu que a mobilidade na zona resulta “desordenada e caótica” e aféalle ao concelleiro nacionalista que non recoñeza que o embrollo de tráfico o provocaron eles mesmos ao pechar Raiña Vitoria sen un estudo de tráfico previo que o xustificase e avalase. Esta decisión xerou unha confusión xeralizada entre os condutores e unha desorganización tremenda no tráfico rodado que se mantén aínda a día de hoxe.

Por outra banda, Acuña detalla que en toda esta zona a veciñanza ten que moverse por beirarrúas estreitas e convivir a diario cos problemas de tráfico. Tamén apunta á falta de mantemento das infraestruturas e a espazos públicos descoidados. “Os veciños de San Roque, da Moureira e de toda esta contorna merecen a mesma atención e respecto que o resto de barrios da cidade de Pontevedra”, indica Acuña.

O concelleiro popular que lembra que dende o Partido Popular de Pontevedra “pedimos menos promesas, menos estudos que se eternizan no tempo e máis solucións reais e eficaces para mellorar a calidade de vida dos veciños de Pontevedra”.

Comparte este artigo