• Os populares defenden reforzar o persoal de servizos sociais, incrementar a dotación orzamentaria para fins sociais, crear un taller de emprego para parados de longa duración e axudar co alugueiro ás persoas en situación de vulnerabilidade
• Silvia Junco considera que un alcalde “non debe poñerse de perfil” cando Pontevedra considérase “pobre e reincidente” en servizos sociais
A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Silvia Junco pediu un esforzo ao Concello para que aplique o devandito popular “Pontevedra é bóla vila, dá de beber a quen pasa” á atención de todos os pontevedreses que requiren duns servizos sociais municipais de maior calidade.
“No PP temos claro que, para ofrecer unha prestación óptima, é necesario incrementar o gasto social, reforzar os recursos humanos, crear un taller de emprego para parados de longa duración ou axudar co alugueiro ás persoas en situación de vulnerabilidade económica, entre outras medidas que defendemos os populares”, expuxo.
Dentro do último informe anual da Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, Pontevedra é o único dos municipios galegos que se considera “pobre” e “reincidente” porque só inviste 47,51 euros por habitante en gasto social, fronte aos 100 euros que a entidade considera o nivel de excelencia.
A edil popular, encargada da área de Servizos Sociais, defendeu que “o Goberno local debería facer un esforzo para non deixar a ninguén atrás e que os pontevedreses teñan as súas necesidades básicas cubertas. Un gasto social pobre significa ter unha atención pobre e deficiente nunha das áreas de xestión máis importantes dunha cidade”.
Outros datos oficiais que confirman o empeoramento da atención, nesta materia, son os referentes ao Observatorio Económico e Social, que encarga o propio Concello, e que “reflicten que Pontevedra ten o peor cociente de prazas de servizos sociais das sete grandes cidades galegas. Unha vez máis, lideramos unha estatística en negativo”.
Outra fonte relevante é a do Instituto Galego de Estatística que cifra en 13.000 os domicilios de Pontevedra que, durante o 2023, “tiveron que apertarse o cinto para chegar a final de mes, 2.000 casas pontevedresas máis que o ano anterior”.
Finalmente, Junco tachou de “bochornoso” que a cidade apareza á cola das estatísticas en servizos sociais. Por iso, pediu ao alcalde e aos seus oito concelleiros nacionalistas “que deixen de poñerse de perfil” #ante o desamparo desta área de goberno, que levou a Pontevedra a gañar o negativo recoñecemento co Premio Corazón de Pedra, hai uns anos.

