Este programa socioeducativo céntrase en seis eixos principais e ten como fin apostar por que a comunidade educativa traballe en equipo para amplificar o traballo diario que se fai desde os centros e nas familias, co fin de manter á mocidade informada e formada.
Camiñando Libres é un programa municipal de intervención socioeducativa nos centros escolares mediante o cal as áreas de Ensino e Mocidade do Concello de Soutomaior deseñan, en colaboración cos centros educativos, os contidos que se traballarán co alumnado actitudes, habilidades e coñecementos, STEM e vocacións científicas, respecto polo medio ambiente, valor do medio rural…
As actividades foron deseñadas a partir do traballo realizado polo servizo da OMIX en colaboración cos equipos directivos e profesorado de todos os centros do municipio que participan activamente neste programa que da resposta as demandas e necesidades formativas da mocidade. As actividades xiran arredor de cinco liñas de acción:
Liña 1: Explora, promove, educa. Esta é a liña referida ao “para que” da educación e o seu desenvolvemento implica unha estreita relación da práctica educativa coa contorna. Os seus contidos afectan tanto á natureza como ao propio individuo e impregnan materias, actitudes e normas susceptibles de incorporarse, a través das distintas áreas curriculares, á educación integral do alumnado. Para chegar á comprensión” do noso entorno cómpre a educación e a formación en valores reforzando as accións no contexto no que as persoas conforman a súa personalidade de aí que nesta liña incluímos actividades como os concertos didácticos de “Abraham Cupeiro” ou de “Alberto Vilas, o espectáculo teatral O Quixote, Os xogos da Lingua para conmemorar o día das Letras Galegas, a colaboración na plantación das árbores nas que tamén están implicadas as comunidades de montes, o voluntariado ambiental, actividades de animación á lectura entre outras.
LIÑA 2: Divulgaciencia (3ª edición). pretende espertar a curiosidade pola ciencia e difundir contidos científico – tecnolóxicos mediante accións cunha metodoloxía dinámica, experimental e lúdica. Apostando pola experimentación e a curiosidade e polo fomento das vocacións científicas arredor da acción principal que será a Feira de Ciencias pero antes haberá un programa de actividades previa que se realizarán nos centros educativos sobre intelixencia artificial, arte UV, polímeros e NFC, deseño de APPs e, ademais este ano imos vincular ciencia e ostra cun roteiro interactivo na praia do Peirao e unha actividade de aula mediante a cal imos traballar biodiversidade, equilibrio medioambiental e prospección de novos sectores produtivos arredor da Ostra, co fin de que o alumnado se interese polas profesións vinculadas ao sector do mar e valore a potencialidade que estes recursos teñen para a nosa economía reforzando o valor da identidade cultural da nosa zona arredor deste produto.
LIÑA 3. Hábitos saudables. Esta é unha liña fundamental na prevención de conductas de risco pois con ela a adquisición de habilidades sociais e comunicativas necesarias para enfrontarse a temas como as relacións afectivo sexuais, o consumo de pornografía, a igualdade, o consumo de sustancias nocivas para a saúde, as adiccións ou o uso inadecuado das tic, entre outras. Trátase de que a mocidade tome decisións contando coas ferramentas que lles permitirán enfrontarse a estes temas na súa vida diaria desde a autonomía, a liberdade e o coñecemento da man de persoas expertas que as acompañarán desmontando os mitos e as informacións falsas e interesadas. Realizaremos talleres para traballar en equipo e de xeito individual para identificar as condutas e factores de risco individuais e no grupo de iguais.
LIÑA 4. Aprendizaxe socioemocional. O obxectivo é que a mocidade aprenda a autocoidarse emocianalmente para xestionar os conflitos con eles/as mesmos/as e coas demais persoas. Nesta liña trátase de entregar ferramentas que melloren calidade de vida en momentos de crise, promovendo o autocoidado e facendo uso cotiá dos recursos emocionais como a propiocepción emocional e corporal que permite identificar como sentimos, que sentimos e que facer para sentinos mellor emocional. Mediante talleres en aula aprenderemos a analizar as emocións e a súa carga cultural e atopar os verdadeiros estímulos para actuar e mobilizar as nosas capacidades individuais e que saiban cales son os recursos de apoio que teñen ao seu alcance.
LIÑA 5. Discurso do odio. O discurso de odio está a aumentar de forma moi importante nos últimos tempos, especialmente a través da utilización dos medios de comunicación electrónicos e as redes sociais onde se multiplica de forma exponencial. O anonimato das mensaxes e a consecuente sensación de impunidade contribúen a ese crecemento. Queremos con esta liña combater o discurso de odio con talleres que recollerán datos e analizarán a incidencia e as características do discurso de odio para entre todas e todos atopar solucións e iniciar camiños noutras direccións que permitan á mocidade ser crítica e empática. O obxectivo é poñer en marcha unha acción de creación audiovisual que utilice as ferramentas de comunicación para conseguir loitas contra os discursos de odio e expandir valores democráticos, tolerantes e respectuosos.
Dende o Concello de Soutomaior agradecen o apoio dos centros (Colexio de Romariz, Galiña Azul, CEIP M. Padín Truiteiro, IES Soutomaior, Colexio CPR Santiago Apóstolo) e a súa implicación con este programa durante as primeiras reunións de traballo mantidas entre o Concello e os centros ao inicio do curso escolar para valorar as necesidades, na resposta obtida na selección dos talleres da batería de propostas nas diferentes e da xestión dos seus tempos para encaixar todas as actividades no seu currículo e que dará lugar a un traballo moi completo que se desenvolverá dende o mes de febreiro ata xuño en todos dos centros.
Apoiar o programa Camiñando libres significa, segundo o concelleiro de Educación e alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, “abrir novos camiños para a xente nova, á vez, que apostar por que a comunidade traballe en equipo para amplificar o traballo diario que se fai desde os centros e nas familias, co fin de manter á mocidade informada e formada”.

