O PSdeG-PSOE urxe á Deputación a licitar “de forma inmediata” o proxecto da estrada Amoedo-Os Valos, paralizado polo PP desde que perderon a Alcaldía de Pazos

adminON
Lectura mínima de 4

A proposta do portavoz socialista no Concello, Anselmo Táboas, o grupo provincial levará o martes a moción a un pleno extraordinario ao negarse o PP a tratar o asunto na sesión ordinaria

Gregorio Agís: “É incomprensible que o goberno de Luis López estea privando á veciñanza dun proxecto que deixamos feito hai oito meses”

O voceiro do PSdeG-PSOE no Concello de Pazos de Borbén, Anselmo Táboas, acompañado da deputada provincial e portavoz socialista, Ana Laura Iglesias e do deputado Gregorio Agís, denunciou hoxe “o indecente bloqueo do Partido Popular na Deputación de Pontevedra do proxecto da estrada EP-2702 Amoedo-Os Valos, proxecto de case 1 millón de euros, aprobado e listo para saír a licitación desde fai 8 meses co anterior goberno provincial e metido desde entón nun caixón coa chegada do Partido Popular á Deputación de Pontevedra”.
Ana Laura Iglesias e Gregorio Agís, anterior responsable provincial de infraestruturas e artífice dos acordos coa veciñanza de Pazos e co Concello para lograr os terreos e as fichas para as expropiacións despois de moitos atrancos do anterior alcalde do PP, visitaron a estrada que segue esperando “unha reforma que só está paralizada por razóns partidistas e electorais desde que o Partido Popular perdeu a alcaldía de Pazos de Borbén, sinalou Agís. O deputado lembrou que “cando deixamos o goberno da Deputación o proxecto estaba aprobado e listo para ser licitado. Pasaron 8 meses e o PP non fixo absolutamente nada, esquecendo de forma voluntaria a seguridade viaria na que no goberno de Carmela Silva era unha sinal de identidade na provincia. Pasamos do bloqueo que tivemos do Concello de Pazos cando eramos goberno, ao actual bloqueo por parte da Deputación”. O deputado engadiu que “estamos ante un apagón total en materia de mobilidade na provincia cunha responsable que nin está, nin se a espera. É lamentable porque, amais, racharon coa política de seguridade viaria que tiñamos en colaboración cos concellos e pola que eramos exemplo en Galicia e no Estado”. Pola súa banda, Anselmo Táboas recordou tamén que “estamos a falar dunha estrada cun trazado enormemente perigoso e cunha necesidade urxente de ser reformada e a pesar de todo iso o PP pon o seu interese de partido por enriba da seguridade das persoas. Non teñen vergoña”.
Precisamente, a proposta de Táboas, o grupo provincial socialista levará unha moción ao pleno provincial do próximo martes “na que o goberno do PP terá que explicar á veciñanza de Pazos “a lamentable dilación para sacar a licitación o proxecto que, amais, contempla unha reforma integral co compromiso da Deputación de dúas novas fases, en Nespereira e Amoedo, que teñen que acometerse neste mandato”, dixo Ana Laura Iglesias. A portavoz do grupo provincial do PSdeG-PSOE lamentou que o goberno de Luis López se negara a tratar esta moción no pleno ordinario “o que nos obrigou a esixir a convocatoria dunha sesión extraordinaria que se celebrará ao remate do primeiro pleno”.

Comparte este artigo