Unha vez recibido o Punto Limpo Móbil, o Concello de Salvaterra de Miño pon en funcionamento o servizo polas parroquias. A ruta iniciase o 15 de outubro en Porto e pasará nesta primeira quenda polas parroquias de Arantei, Cabreira, Alxén, Pesqueiras, Soutolobre, Lourido, Fornelos e Lira.
O vehículo 100% eléctrico, con gancho multifift e dúas caixas de recollida de residuos para desprazala dun lugar a outro, unha pechada con compartimentos para recoller pequena chatarra electrónica, pequenos electrodomésticos, pinturas, aceites, baterías e pilas, lámpadas e fluorescentes entre outros e outra aberta; está financiado pola Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello de Salvaterra de Miño.
Este Punto Limpo permite a recollida de residuos urbanos non convencionais naqueles puntos e eventos que o Concello estime de interese, para favorecer a prevención, a recollida separada e para a adecuada clasificación de fluxos especiais de residuos municipais. Os obxectivos principais que se pretenden acadar con este vehículo son a mellora do servizo de recollida de residuos especiais municipais ou incrementar as porcentaxes de recollida selectiva de residuos de pequeno tamaño sen recollida convencional como pequenos electrodomésticos, pilas ou baterías.

