A programación comezou o mércores 24 coa nova edición do Festival Xente Xida, un evento marcado pola música tradicional e o porco ao espeto
A Festa do Verán do Pilar pechou este domingo catro días de celebracións cun éxito rotundo. A Praza do Calvario converteuse nun auténtico punto de encontro cultural e festivo, cunha programación diversa pensada para todos os públicos.
O día grande foi o venres 25 de xullo, cunha xornada marcada pola variedade de propostas e a masiva afluencia de público. Actividades como o VI Torneo de Xadrez, o Encontro dos Pobos e o gran concerto da noite converteron a xornada nun exemplo de programación ecléctica e interxeracional que logrou atraer visitantes de toda Galicia.
O prato forte chegou ás 22:00, cando o grupo The Rapants ofreceu un concerto inesquecible xunto á Agrupación Musical do Rosal (AMdOR). Unha actuación única que encheu por completo a Praza do Calvario, superando as cifras de participación de anos anteriores e converténdose nun fito para a historia cultural do Rosal. A noite non rematou aí, xa que continuou co AMdOR Fest DJ’s, culminando unha xornada festiva do máis complete.
O sábado 26, a música viaxou ata Cuba coa actuación do recoñecido Septeto Santiaguero, gañador de dous Premios Grammy Latinos. O domingo 27 estivo dedicado ás familias co espectáculo infantil Cuacac! e a clausura chegou da man da proxección do clásico de Buster Keaton O Maquinista da General, coa música en directo do grupo Casperveck.
Con máis dunha decena de actividades para todas as idades, o Goberno municipal en colaboración coas asociacións locais, veciñanzas, operarios municipais e protección civil consegiu consolidar a Festa do Verán do Pilar como un dos eventos culturais máis importantes no calendario galego.