Tres citas imperdibles da man de Cultura polos Barrios, Rosal Cámara Fest, +Escénicas e Galitoon para gozar en familia en Novás, Pías e Marzán
O Rosal volve apostar pola cultura e o talento artístico cunha intensa programación que se desenvolverá ao longo de tres días consecutivos. A través das iniciativas Cultura polos Barrios e Rosal Cámara Fest, o municipio acollerá espectáculos de danza, música, teatro de títeres e proxeccións de curtametraxes en diferentes parroquias. O programa conta coa colaboración de +Escénicas, a Asociación Ghorghalado, a Escola de Música AMDoR e a compañía Galitoon.
O ciclo arrinca este martes 12 de agosto, ás 21:00 h, na escola de Novás, cunha das propostas máis completas da semana. A noite comezará coa danza contemporánea das pezas “Miñaxoia” e “Mesuras”, patrocinado polo programa +Escénicas. Seguiralle a actuación do cuarteto de saxos e clarinetes do alumnado da Escola de Música do Rosal (AMDoR). Como peche da xornada, proxectaranse varias curtametraxes seleccionadas pola Asociación Ghorghalado, nunha velada cultural pensada para todos os públicos.
A programación continuará o mércores 13 de agosto, ás 19:30 h, no Parque de Pías, cunha proposta dirixida especialmente ao público familiar. A compañía Galitoon presentará o seu novo espectáculo de títeres e teatro de rúa: “The Show Moscón”, unha obra chea de humor e fantasía onde un moscón gordecho e carismático fai de mestre de cerimonias dun peculiar circo ambulante. A través dun armario máxico, o público poderá descubrir números musicais, maxia, danza, bebés equilibristas e outras marabillas, nunha homenaxe ás grandes escolas de manipulación e á tradición titiriteira.
A última cita será o xoves 14 de agosto, ás 21:00 h, no adro da capela de San Vicente (Marzán). Alí, o Rosal Cámara Fest ofrecerá un concerto do cuarteto de clarinetes da Unión Musical de Valadares, nunha contorna histórica tan especial como é a capela do século X. A música dará paso, unha vez máis, á proxección de curtametraxes, combinando patrimonio, música e cinema ao aire libre.
Desde o Concello do Rosal anímase á veciñanza e visitantes a gozar destas actividades culturais deseñadas para todos os públicos e que contribúen a levar a cultura a todos os recunchos do municipio.