O Concello pon en marcha esta iniciativa coincidindo do Día Mundial da Saúde Mental este 10 de outubro
Será coa charla sobre ‘A saúde mental na adolescencia’ da man da psiquiatra Iria Veiga. Ás 19 h no Centro Social Polivalente
Falar de saúde de forma próxima, clara e accesible. Iso é o que busca a nova Escola da Saúde do Rosal, unha iniciativa pioneira que o Concello pon en marcha para achegar á veciñanza información útil sobre patoloxías e situacións cotiás que afectan ao seu benestar. Un espazo divulgativo que responde a unha demanda crecente da cidadanía acerca da saúde e a través da que se ofrecerán charlas periódicas, adaptadas tamén aos intereses e necesidades que rosaleiros e rosaleiras vaian demandando.
A escola comezará a súa andaina este xoves 10 de outubro coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental e farao cunha primeira charla centrada en “A saúde mental na adolescencia”, a cargo da psiquiatra Iria Veiga. O encontro será ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente, con entrada libre ata completar aforo.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou “o valor estratéxico desta iniciativa coa que queremos construír unha vila máis saudable e consciente, ofrecendo espazos de aprendizaxe e diálogo que nos axuden a comprender mellor os procesos que vivimos. A Escola da Saúde supón un paso máis no noso compromiso co benestar integral e a calidade de vida da nosa veciñanza”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, subliñou que se trata dun proxecto pensado para toda a poboación. “Non falamos só de charlas, senón dun espazo vivo, participativo e aberto, no que veciños e veciñas poidan atopar respostas e ferramentas prácticas. Un espazo no que poidamos dar voz aos temas que preocupan á nosa comunidade”, recalcou.
A posta en marcha desta Escola da Saúde encádrase na adhesión do Rosal á Rede Española de Cidades Saudables (RECS), un programa da Federación Española de Municipios e Provincias en colaboración co Ministerio de Sanidade para impulsar a promoción e protección da saúde e do benestar da veciñanza dende o local segundo os principios de “Healthy Cities” da Organización Mundial da Saúde. Esta rede agrupa a máis de 35 millóns de habitantes de 500 cidades e concellos de todo o Estado e traballa de forma conxunta para impulsar políticas locais de promoción da saúde, cohesión social, coidado do medio ambiente e benestar comunitario.
Coa Escola da Saúde, o Concello do Rosal consolida o seu compromiso con ser un municipio que pon no centro ás persoas, a súa calidade de vida e o seu dereito a gozar dun benestar físico, mental e social.