O próximo 10 de outubro, Redondela acollerá O Rosco de Rande, unha actividade familiar e participativa para descubrir a historia da Batalla de Rande dun xeito diferente e divertido. A iniciativa está organizada pola Asociación Deportiva e Cultural de Rande en colaboración co Concello de Redondela con motivo da 13ª Conmemoración da Batalla de Rande, que se celebrará os días 17 e 18 de outubro en Rande.
A actividade está dirixida a público familiar a partir de 12 anos. As persoas participantes organizaranse en equipos de entre 8 e 10 integrantes, e cada equipo deberá contar como mínimo cunha persoa adulta acompañante.
Seis estacións, 24 preguntas
O percorrido contará con seis estacións situadas en diferentes puntos de Redondela. En cada unha delas, distintos personaxes relacionados coa Batalla de Rande formularán catro preguntas que os equipos deberán responder. As seis estacións estarán situadas en: Praza da Herba, Igrexa de Santiago, Antigo Conservatorio (rúa Reveriano Soutullo), Alameda Castelao, (no panel adicado a Pier Maria Baldi), Pazo de Petán e Praza da Torre.
En total, os equipos deberán afrontar 24 preguntas ao longo do percorrido.
Información e inscrición
A actividade é de balde, pero é necesario anotarse previamente. O prazo de inscrición está aberto do 5 outubro ao 9 outubro. Os equipos deben estar integrados por entre 8 e 10 participantes, cunha persoa adulta como mínimo. A participación está limitada a 100 persoas. Máis información e inscricións na Oficina de Turismo de Redondela, nrúa Isidoro Queimaliños.

