A liña de axudas, que repartiu máis de 112.000 euros entre 44 entidades de toda a provincia, ten como obxectivo favorecer o coñecemento, a posta en valor e o uso da lingua galega por parte da cidadanía
A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de máis de 11.000 euros a cinco colectivos da zona do Salnés e Arousa no marco das súas axudas para o impulso de actividades de dinamización da lingua galega. No marco desta liña, cuxo reparto se aprobou na última Xunta de Goberno da institución provincial, resultaron beneficiarias un total de 44 entidades sen fins de lucro do territorio provincial, co fin de organizar accións que permitan incrementar a presenza do galego en todos os contextos.
En Cambados, a Asociación Cambados Zona Centro (Centro Comercial Urbano) recibirá 3.218,6 € para o fomento do uso do galego no comercio. Na Illa de Arousa, a A.D. Cultural Dorna recibirá 1.184,29 € para realizar actividades co gallo das Letras Galegas 2025. En Sanxenxo resultaron beneficiados dous colectivos: a Asociación Arrebol de Galicia recibirá 3.500 € para “Debatendo en galego” e, pola súa banda, a Asociación e Baile e Gaitas Os Gatiños de Portonovo outros 1.525 € para o proxecto “As Pelusiñas e o legado das cantareiras”. Por último, en Vilagarcía de Arousa o Centro Comercial Aberto de Vilagarcía Zona Aberta recibirá 1.881,38 € para unha campaña de dinamización para o uso da lingua galega no ámbito comercial.
Con estes recursos, as entidades da provincia poden realizar accións para favorecer o coñecemento, a posta en valor e o uso da lingua galega por parte da cidadanía en todos os ámbitos. Deste xeito, a Deputación contribúe a que poidan atender a demanda que ano tras ano mantén o tecido asociativo da provincia en favor da promoción e defensa da lingua.



