Francisco Diéguez: ‘’Ourense necesita turismo, pero tamén necesita decidir cales son as súas prioridades. Mentres os Servizos Sociais precisan máis espazo e recursos, o Concello pensa en converter patrimonio público en instalacións turísticas”
Avante Ourense cuestiona a nova proposta do goberno municipal de estudar a utilización da antiga prisión e da Casa de Baños para a creación dun Parador de Turismo e reclama que, antes de buscar novos usos turísticos, se analicen as necesidades sociais da cidade.
O coordinador de Avante Ourense xa propuxera destinar a antiga prisión á ampliación do Albergue Municipal e á creación de novos espazos para os Servizos Sociais municipais, permitindo concentrar e ampliar recursos nun ámbito especialmente necesario para a cidade.
A formación considera compatible potenciar o turismo e o termalismo con buscar outros emprazamentos e fórmulas para facelo, pero defende que os inmobles públicos deben ser avaliados tamén desde a perspectiva das necesidades sociais existentes.
‘’Nós temos outra proposta para a antiga prisión: máis espazo para o Albergue Municipal e máis espazo para os Servizos Sociais. Antes de pensar onde poden durmir os turistas, o Concello debería garantir que dispón dos recursos suficientes para atender dignamente a quen máis o necesita’’, engade Diéguez
Avante Ourense solicita, por tanto, que o Concello estude formalmente esta alternativa antes de comprometer o futuro da antiga prisión e abra un debate sobre os usos públicos e sociais que debe ter este patrimonio municipal.

