Francisco Diéguez: ‘’Protección Civil pode e debe ter unha maior capacidade de actuación na nosa cidade. Para iso necesitamos máis voluntariado, pero tamén formación, medios e recursos. Non se trata de substituír a Policía Local, senón de organizar mellor os recursos públicos”
Avante Ourense vén de presentar ante o Concello unha proposta para reforzar os servizos municipais de seguridade e emerxencias, reclamando unha maior capacidade para Protección Civil e un incremento substancial das prazas de Policía Local e Bombeiros.
A formación propón poñer en marcha unha campaña municipal de captación de voluntariado para Protección Civil, acompañada dun aumento dos recursos materiais, formación e medios dos que dispón actualmente.
Avante Ourense solicita tamén estudar que funcións actualmente atendidas pola Policía Local poderían ser asumidas ou apoiadas por Protección Civil dentro do marco legal, especialmente en tarefas preventivas, eventos, concentracións, información ou apoio en situacións de emerxencia. O obxectivo sería permitir que os efectivos policiais poidan concentrarse en maior medida nas funcións que requiren necesariamente a condición de axente.
Ao mesmo tempo, a formación reclama ao Concello a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) para incrementar substancialmente o número de prazas de Policía Local e Bombeiros.
‘’Ourense necesita máis Protección Civil, pero tamén máis policías locais e máis bombeiros. Estamos falando de servizos públicos esenciais nos que a cidade debe contar cos efectivos necesarios para responder ás necesidades da cidadanía’’, conclúe o coordinador.

