O candidato socialista Julio Torrado apuntou que “Coa participación da cidadanía no 18F, a desidia e sectarismo que vemos cada día coas políticas do PP cara Vilagarcía vai cambiar”.
As prioridades que marcan son a defensa dunha sanidade pública con máis recursos, afrontar o problema do acceso á vivenda e apoiar a autónomos e pemes para a xeración de emprego.
Os socialistas formulan ao PP a proposta dun debate electoral centrado nas necesidades de Vilagarcía e da comarca de Arousa.
O comité de campaña dos socialistas de Vilagarcía reuniuse no final do día de onte presidido polo Alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e con membros do goberno e da agrupación local que compartiron un produtivo traballo sobre as próximas semanas. Os socialistas encaran a campaña coa “ilusión de quen sabe que o cambio está tocándose cos dedos” expresou o candidato socialista Julio Torrado, quen fixo unha chamada á participación na campaña e nas votacións. “Rueda convocou unhas eleccións intentando que ninguén fora a votar, porque ten medo de que a xente exprese o que pensa deste goberno, pero coa participación da cidadanía no 18F, a desidia e sectarismo que vemos cada día coas políticas do PP cara Vilagarcía vai cambiar”, explicou.
Os socialistas estableceron que as súas principais preocupacións con respecto a estas eleccións serán a sanidade, a vivenda e a economía. “Son tres ámbitos nos que a Xunta ten abandonada a Vilagarcía, e semella que a súa intención segue sendo a mesma”, explicou o candidato. Sobre a situación sanitaria, na que Torrado foi voceiro do grupo socialista durante estes últimos anos, a vontade dos socialista é “explicar a nosa vontade de reforzar decididamente a sanidade pública, para reducir drásticamente as esperas tanto no centro de saúde como no hospital, ao que hai que devolver servizos para evitar ser o hospital de segunda que quere o PP para o Salnés”.
En termos de vivenda refrendou o defendido nas últimas semanas, lembrando que en Vilagarcía a última promoción de vivenda pública foi hai 15 anos, mentres que segue habendo máis de 300 familias inscritas no rexistro oficial de demandantes de vivenda “sen que a Xunta amose nin un so movemento nin intención”.
Tamén apuntaron os socialistas que tratarán de falar sobre avances medioambientais e sobre a creación de emprego, para garantir o desenvolvemento económico. Para elo lembraron que Vilagarcía ten un 70% da súa economía destinada ao sector servizos, e que autónomos e Pemes son o 90% do entramado económico – empresarial de Galicia. Por iso, os socialistas esforzaranse en explicar o programa de José Ramón Gómez Besteiro, que defende apoiar investimentos e melloras en produción e comercialización ao abeiro dos fondos europeos, así como facilitar as condicións laborais dos autónomos para dar máis oportunidades.
Ademáis o candidato socialista Julio Torrado convida ao PP de Vilagarcía a realizar un debate público na inminente campaña electoral, “para que os cidadáns poidan coñecer os argumentarios que ten o PP local para defender a actuación da Xunta de Galicia nestes anos en Vilagarcia e na comarca, sen intermediarios de Santiago”. “Que no PP escollan quen os quere representar entre todos os que queren poñerse uns por riba de outros e falemos pole ben do conxunto da comarca”, dirixiuse aos populares. “Agardamos, que nesta ocasión, sexan más respectuosos cos electores, e nos lles volvan a privar da democrática confrontación de ideas e proxectos, como fixeron fai catro anos”, concluiu.

