Pediulle a María Martínez Allegue unha senda peonil para Verducido, a solución a un problema de augas nesa zona e tamén melloras na PO-241, en Antas.
O alcalde da Lama, David Carrera, mantivo unha xuntanza en Santiago de Compostela coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, co fin de analizar diversos investimentos no termo municipal, especialmente, na PO-255 no tocante á mellora da seguridade vial no vial que une as poboacións de Gaxate e Verducido con Forzáns, en Ponte Caldelas.
Outro dos temas tratados polo alcalde coa conselleira tivo como protagonista á parroquia de Verducido onde o rexidor ten interese en que a Consellería constrúa unha senda peonil que lle dea unha maior seguridade e continuidade a este núcleo rural. Ademais, pediulle a María Martínez unha actuación definitiva para canalizar e resolver os problemas que ocasiona nese tramo a presenza de augas pluviais que supoñen un auténtico perigo para a circulación e para o paso de peóns.
O alcalde da Lama tamén lle achegou á conselleira a necesidade de facer unha intervención de mellora na estrada PO-241 ao seu paso pola parroquia de Antas onde David Carrera considera oportuno que a Xunta de Galicia, titular desta vía, favoreza a seguridade vial e o paso harmónico de peóns coa presenza do tráfico rodado.
ESTUDIO PARA FACER UNHA VALORACIÓN TÉCNICA
A conselleira tomou bo nota das peticións e comentoulle ao alcalde que todas elas pasarían aos técnicos da administración autonómica co fin de facer unha valoración tanto económica como técnica co fin de poder coñecer o alcance das mesmas para poder ser acometidas.
Finalmente, David Carrera informoulle á conselleira de que dúas das vivendas sociais da Lama xa están a disposición das respectivas familias que obtiveron o visto bo para beneficarse das antigas casas dos mestres que foron rehabilitadas polo Concello a través dunha liña de axudas da Xunta de Galicia. O alcalde comentoulle á conselleira que xa se lle foron entregadas as chaves de dúas vivendas en réxime de alugueiro social.
Carrera convidou á conselleira a visitar as vivendas e tamén aproveitou para seguir reclamando a atención desta Consellería en temas relacionadas con solucións habitacionais para familias que precisan acceder a unha vivenda digna. Para elo, o alcalde solicitou axuda a María Martínez para que A Lama siga contando nos plans de vivenda que se deseñen desde a administración autonómica.

