O certame cultural desenvolverase do 12 de outubro ao 15 de novembro coa participación de sete agrupacións.
A programación ofrece unha variada oferta que combina comedia, drama e teatro musical con pases en diferentes horarios de fin de semana.
O Auditorio Reveriano Soutullo prepárase para subir o telón de «Tea Trea 2026», o consolidado ciclo de teatro afeccionado, organizado polo concello de Ponteareas, que ano tras ano dinamiza a oferta cultural de Ponteareas durante os meses de outono. Nesta ocasión, a mostra reunirá sobre as táboas a sete compañías que presentarán as súas últimas producións ante o público da comarca. O certame cultural desenvolverase do 12 de outubro ao 15 de novembro.
O grupo de teatro “Canda Nos” será o encargado de abrir o ciclo cultural, o vindeiro luns, ás 19:00 horas, coa posta en escena da obra «Residencia Timba e Tola». O grupo é a primeira vez que participa en “Tea Trea”, e a obra que van representar naceu a raíz dun curso de teatro impartido pola cómica e actriz Arantxa Treus, no Centro Cultural de Bugarín.
O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, destacou o esforzo e a calidade técnica dos participantes: «Este ano contamos cun cartel excepcional que demostra que o teatro afeccionado en Ponteareas ten un nivel profesional. Convidamos a todos os veciños e visitantes a encher o auditorio cada fin de semana e a apoiar o tecido cultural que tanto enriquece a nosa comarca».
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou a relevancia deste ciclo para o municipio: «Tea Trea é o reflexo vivo do talento que temos na nosa vila. Poñer o Auditorio Reveriano Soutullo a disposición das nosas compañías afeccionadas é unha prioridade para este goberno, porque eles son os que fan que a cultura sexa accesible, próxima e participativa para toda a veciñanza».
Grupos participantes
Trala representación inaugural do 12 de outubro, a actividade continuará o sábado 17 de outubro, ás 20:00 horas, co grupo de teatro “Pena do Equilibrio” e a súa proposta «Arsénico ou cianuro, por favor», seguida ao día seguinte, o domingo 18 de outubro ás 18:00 horas, pola función «De ida e volta» do grupo de teatro “A Comuna”. O mes de outubro pecharase o domingo 25, ás 18:00 horas, coa comedia «A sogra que non quixo ser… mamá», que interpretará o grupo de teatro “Pedra do Cabalo”.
A programación reanudarase en novembro co teatro musical de “Noite Meiga”, que presentará «Rebelión no convento», o sábado 7 de novembro ás 20:00 horas. Apenas vintecatro horas despois, o domingo 8 de novembro ás 18:00 horas, o grupo de teatro “Os Serodios” subirase ao escenario para representar a obra «A hedra». Finalmente, o broche de ouro a esta edición de “Tea Trea” porao o grupo de teatro “Bambolina33”, o domingo 15 de novembro ás 18:00 horas, coa representación de «A música das esferas».

