- O Programa Integrado de Emprego de Redondela selecciona a un total de 100 persoas en paro para un plan de formación dun ano con clases teóricas e prácticas, orientación e asesoramento, formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo e fomento da capacidade emprendedora, entre outras cuestións.
- O martes día 26 celebrarase unha reunión informativa ás 10.00 horas no Centro de Formación A Marisma para menores de 30 anos que estean interesadas en participar. Os únicos requisitos para poder participar no programa son estar inscrito como demandante de emprego e estar empadroado no Concello de Redondela.
O Concello de Redondela, un ano máis, pon en marcha un novo Programa Integrado de Emprego cunha duración inicial dun ano. O programa ten como obxectivo acadar o 45% de inserción laboral doa participantes. A iniciativa céntrase en promover a inserción laboral e a mellora da ocupabilidade de 100 demandantes de emprego de Redondela. Está dirixido a persoas desempregadas, con prazas reservadas para diferentes colectivos. A día de hoxe quedan prazas vacantes para persoas desempregadas menores de 30 anos de idade. O vindeiro martes, día 26, celebrarase unha reunión informativa ás 10.00 horas no Centro de Formación A Marisma, ao lado da piscina municipal, aberta a todas as persoas que desexen participar. Os únicos requisitos para poder participar no programa son estar inscrito como demandante de emprego e estar empadroado no Concello de Redondela.
Ao longo dos meses que dura o programa os participantes reciben orientación e asesoramento, formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo e fomento da capacidade emprendedora, entre outras cuestións. A formación práctica está tamén moi presente, con prácticas profesionais non laborais en empresas. Ademais os demandantes de emprego participantes reciben ofertas de traballo emparelladas especificamente co seu perfil.
O programa conta con medidas de conciliación da vida laboral e familiar, e todas as persoas que participen terán dereito a unha bolsa de 10 euros por día de asistencia. As persoas interesadas poden informarse no Centro de Formación A Marisma, no paseo do Pexegueiro, 6, nos teléfonos de contacto 986 40 83 88 e 604 035 909 ou a través do enderezo electrónico per@redondela.gal. Tamén poden facelo na Oficina de emprego de Redondela do Servizo Público de Emprego de Galicia que lles corresponda, solicitándolle na súa demanda o servizo de “Programas Experimentais (930)”.
O programa está financiado pola Consellería Emprego, Comercio e Emigración cunha subvención de 220.000 euros e co cofinanciamento do Concello de Redondela cunha achega de 36.000 euros.