O Concello de Mos celebrou hoxe unha recepción institucional para recoñecer os impresionantes logros acadados polo nadador do Club Natación de Mos Marcos Garabatos na tempada 2024-2025. A alcaldesa, Nidia Arévalo, recibiuno no salón de plenos acompañada pola corporación municipal, familiares e representantes do seu club.
Entre os méritos máis destacados da tempada figura a medalla de bronce nos 50 metros libres no Campionato de España Infantil de Verán, unha proba na que conseguiu ademais dous récords galegos de 14 anos, tanto na eliminatoria como na final, superando a súa propia marca anterior. Marcos Garabatos foi tamén finalista nos 50 metros bolboreta, nun campionato marcado por unha intoxicación alimentaria que afectou a numerosos nadadores, competindo enfermo desde o segundo día de competición.
Ao longo da tempada, proclamouse varias veces campión galego en diferentes estilos e distancias, acadando mínimas nacionais en 6 probas distintas. Participou tamén nos Campionatos Galegos Absolutos, malia ser aínda infantil de primeiro ano, e logrou varios récords galegos de 14 anos en piscina curta e longa nas probas de 50 libre, 50 bolboreta e 100 libre.
Marcos Garabatos foi convocado en catro concentracións do Grupo Especial de Seguimento da Federación Galega de Natación, o que ratifica o seu talento e proxección.
Durante a recepción, a alcaldesa Nidia Arévalo destacou que “Marcos Garabatos é un exemplo de superación, traballo e paixón polo deporte. É un orgullo para Mos contar cun talento como el, que leva o nome do noso concello aos máis altos niveis da natación española”.
O Concello de Mos continúa apostando polo apoio ao deporte base e por recoñecer o traballo dos e das deportistas que fan medrar o nome de Mos dentro e fóra de Galicia.