Redondela amplía a oferta estival con baile nas alamedas e praias, ximnasia e roteiros saudables

Redacción
  • Todas as actividades programadas estenderanse ao longo dos meses de xullo e agosto para dinamizar o verán no municipio. As iniciativas, abertas e gratuítas, buscan fomentar a saúde física e mental, o envellecemento activo e a integración interxeracional.
  • A alcaldesa, Digna Rivas, destaca o compromiso do goberno local por encher de vida os espazos públicos e ofrecer un lecer saudable. Baile, ximnasia e roteiros saudables son algunhas das propostas que se farán nas alamedas de Redondela e Chapela, e tamén nas praias, entre outros espazos.

O Concello de Redondela presenta unha potente programación de actividades gratuítas ao aire libre que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto. Logo do éxito das actividades de baile que comezaron como novidade o verán pasado, este ano amplíase a oferta con actividades tamén en horario de tarde nas praias. Co obxectivo de fomentar a actividade física, a convivencia social e o benestar emocional da veciñanza, o goberno local deseñou unha completa axenda que combina o novo programa “Ritmo Vital” co xa consolidado programa ‘Redondela Actívate’. Ambos proxectos levaranse a cabo en diferentes espazos públicos, alamedas e praias de Redondela e Chapela.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou o firme compromiso do goberno local coa promoción do benestar veciñal a través do uso integrador dos espazos públicos: “Este goberno ten un compromiso firme co benestar dos nosos veciños e veciñas. ‘Redondela Actívate’ non é só un programa deportivo, é un espazo de encontro fundamental para combater a soidade non desexada, encher de vida as nosas prazas e praias e garantir que a nosa veciñanza teña opcións de lecer saudables e de calidade sen saír do seu Concello”.

Con ‘Ritmo Vital’ amplíase a oferta este verán para chegar a todos os públicos, dende nenos ata maiores. As praias de Arealonga e Cesantes, xunto coas alamedas Castelao e Rosalía de Castro acollerán unha alternativa de ocio saudable, totalmente gratuíta e accesible. “A música e o movemento serán o motor da saúde e e unha canle perfecta para favorecer a inclusión e a convivencia interxeracional durante toda a tempada estival”, engadiu a rexedora.

Programa “Ritmo Vital – Baile e Benestar”

Clases coreografiadas de balde abertas a toda a poboación en xeral.

  • Actividades matinais ás 09:30 h.
    • Luns: Senda Verde de Chapela.
    • Martes: Alameda de Redondela.
  • Actividades de tarde en praias ás 18:00 h.
    • Luns e mércores: Praia de Arealonga (Chapela)
    • Martes e xoves: Praia de A Punta (Cesantes)

Programa “Redondela Actívate”

  • Activa o teu Equilibrio (09:30 a 10:30 h.): Mércores na Senda Verde de Chapela e xoves na Alameda Castelao.
  • Faladoiro en Cadeneta: Libros, agullas e vida (Venres): De 10:00 a 11:00 h. na Biblioteca de Chapela e de 11:30 a 12:30 h. na Biblioteca de Redondela.
  • Roteiros Didácticos (09:30 a 11:30 h.): Saídas dende a Praza do Concello (Redondela) e dende a Alameda Rosalía de Castro (Chapela) segundo o calendario que se anunciará días antes (en función da situación meteorolóxica).

A propia veciñanza, que no verán pasado valorou de xeito moi positivo as actividades, demanda máis sesións e horarios, e desde o Concello “facemos todo o posible por dar resposta a estas demandas e seguir mellorando a programación co obxectivo de que tantos os maiores como o público de todas as idades poida gozar dun ocio saudable e de balde en espazos naturais” conclúe Rivas.

Comparte este artigo