– A alcaldesa Digna Rivas destaca que co PAMIN “Redondela conta cunha folla de ruta baseada en datos técnicos e coordinada para protexer as vidas e os bens da veciñanza en caso de asolagamentos”. Sinala a rexedora que, malia non estar obrigados a facelo ao municipio en “risco medio”, o Goberno local elaborouno “por responsabilidade”.
– O plan recolle os riscos vinculados ao Rego de Chapela, o Río Fondón, o Río Pexegueiro, o eixo Cabeiro-Alvedosa e a zona costeira de Chapela. O documento xa conta co aval e a homologación favorable da Comisión de Protección Civil da Xunta. Unha vez aprobado inicialmente, o plan someterase a exposición pública para presentar posibles reclamacións ou suxestións antes da aprobación definitiva.
Redondela, 25 de setembro de 2026.- O Pleno do Concello de Redondela aprobou onte inicialmente o seu Plan de Actuación Municipal fronte ao Risco de Inundacións (PAMIN). A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o municipio ten a consideración de “risco medio” e non existir a obriga de facer este plan, pero que o Goberno local elaborouno “por responsabilidade para revir riscos”. O documento, que saíu adiante co voto favorable de todos os grupos da Corporación agás o BNG, supón dotar ao municipio dunha ferramenta imprescindible de prevención, planificación e seguridade para anticiparse e coordinar a resposta pública ante calquera emerxencia por asolagamento.
Rivas amosou a súa satisfacción polo respaldo acadado no Pleno e suliñou o salto de calidade que supón o plan para o municipio: “Este Goberno asume a súa responsabilidade coa seguridade da veciñanza. Co PAMIN contamon cunha folla elaborada en base a informes técnicos e coordinada co 112 Galicia que protexerá o máis importante: as vidas e os bens dos veciños e veciñas”. Rivas incidiu en que o cambio climático esixe respostas firmes e anticipación: “Os episodios de choivas intensas e as afeccións das mareas son unha realidade no noso concello. Non podemos evitar que chova, pero si debemos garantir que toda a estrutura municipal, Policía Local, servizos técnicos e emerxencias, saiba que facer e como actuar dende o primeiro minuto en que se active unha alerta”.
Un documento xa homologado pola Xunta
Durante o debate plenario, a concelleira de Seguridade e Interior, Rita Pérez, rexeitou as críticas partidistas e recalcou que o PAMIN chega ao Pleno coas máximas garantías e un control externo exhaustivo xa superado. O documento responde a un requirimento da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do 28 de marzo de 2025 e a Comisión Técnica Permanente da Comisión Galega de Protección Civil acordou favorablemente a súa homologación oficial o pasado 10 de xullo de 2026. “Non estamos enviando o documento á Xunta para ver se é correcto, a administración competente xa o revisou e deulle o seu visto e prace definitivo”, defendeu Pérez Táboas. A edil pediu altura de miras: “Ante unha inundación a auga non pregunta quen goberna nin a quen vota cada veciño”.
Planificación sobre a realidade local
O PAMIN analiza de xeito específico o territorio de Redondela para activar de forma automática as fases de prealerta, alerta ou emerxencia en función de parámetros meteorolóxicos e hidrolóxicos. O plan recolle os riscos vinculados ao Rego de Chapela, o Río Fondón, o Río Pexegueiro, o eixo Cabeiro-Alvedosa e a zona costeira da Ría de Vigo en Chapela, determinando con precisión que autoridades dirixen a emerxencia, que medios se mobilizan e de que maneira se alerta á poboación. Así mesmo, prevé a plena integración dos recursos autonómicos do INUNGAL se a capacidade municipal fose superada.
Tras recibir esta aprobación inicial do Pleno, o Plan de Actuación Municipal someterase a un período de exposición pública mediante o correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A veciñanza, entidades e colectivos sociais poderán consultar o documento técnico e presentar as reclamacións ou suxestións que estimen oportunas antes da súa aprobación definitiva.

