O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiron hoxe á Gala do Deporte do Real Club Náutico de Vigo, que reuniu a comunidade deportiva da entidade nunha edición especial polo seu 120 aniversario. A gala destacou o traballo desenvolvido polas distintas seccións do club —natación, waterpolo, natación artística, tenis, pádel e vela— e recoñeceu traxectorias deportivas, os mellores resultados da temporada, así como o apoio de patrocinadores e institucións.
Roberto García salientou o papel do Real Club Náutico de Vigo como referente deportivo e social da cidade e recoñeceu o traballo dos máis de 700 deportistas que forman parte das súas distintas seccións. O secretario xeral para o Deporte reiterou o compromiso da Xunta co crecemento das entidades deportivas galegas e co apoio aos clubs e deportistas, e destacou a actividade que manterá o Náutico nos próximos meses coa celebración de diferentes competicións de ámbito internacional, entre elas os Campionatos do Mundo de J70 e Vaurien e o Campionato de Europa de ILCA 4.

