Redondela avanza nas obras de pavimentación de camiños municipais en Chapela, Cabeiro, Cesantes e Reboreda

Redacción

– O Goberno local pon en marcha os primeiros proxectos do Plan de Investimentos de Camiños Municipais. Xa están adxudicadas as obras para comezar a reforma integral en Chapela do pavimento no camiño da Horta, en Río Frío, os camiños dos Lagos e Peiteados, no barrio da Igrexa, e a reparación do Camiño do Penedo, en Porto Cabeiro.

– A alcaldesa, Digna Rivas, avanza que a vindeira semana formalizaranse os contratos para comezar as obras nos camiños de Outeiro das Penas e de San Pedro, en Cesantes, e o camiño dos Tereixos en Reboreda. O plan do Goberno local, cun investimento de 2,7 millóns de euros, permitirá reformar e mellorar un total de 68 camiños en todas as parroquias do municipio.

Redondela, 11 de xullo de 2026. O Concello de Redondela avanza na execución do seu Plan de Investimento nos camiños municipais coa adxudicación dos primeiros proxectos de pavimentación. As actuacións iniciais arrancarán proximamente nas parroquias de Chapela e Cabeiro. As obras forman parte da folla de ruta municipal para actuar nun total de 68 viarios públicos cun orzamento global que supera os 2,7 millóns de euros, orientado a corrixir o firme, previr inundacións e reforzar a seguridade viaria nas parroquias.

En Chapela realizarase unha mellora integral do pavimento. A superficie a renovar será duns 500 m2. En Cabeiro executaranse dous proxectos: a renovación asfáltica e posta a punto da rede de pluviais nos camiños dos Lagos, con 200 metros de longo, e Peiteados , con 132 metros, por 29.367,80 euros. Tamén está contratada a reparación da capa de rodadura no Camiño do Penedo, de 176 metros de lonxitude en Porto Cabeiro por 25.577,89 euros.

A maiores destas obras xa adxudicadas, o executivo local formalizará a vindeira semana outros tres contratos: en Cesantes farase a reforma integral do camiño de Outeiro das Penas e o de San Pedro, mentres que en Reboreda farase a adxudicación para a reforma do camiño dos Tereixos. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia de materializar estes primeiros contratos “que responden ás propias demandas dos veciños e veciñas e que foron aprobados por unanimidade nos respectivos Consellos Parroquiais”.

Investimento histórico nos camiños parroquiais

O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, salientou que é a primeira vez en 15 anos que se fai un investimento deste tipo nos camiños municipais das parroquias. O edil salientou ademais que “o 70% dos proxectos que se van a executar foron realizados polos propios técnicos municipais, o que significa un gran aforro para as arcas do Concello”. Villar incidiu tamén nos aspectos técnicos e de respecto ambiental do proxecto: “Non nos limitamos a botar unha nova capa de asfalto. Todas as actuacións aprobadas inclúen criterios de sostibilidade, como a modernización e ampliación das redes de augas pluviais e o uso de materiais de alta durabilidade. Con isto evitamos asolagamentos, garantimos unha maior resistencia fronte ao cambio climático e reducimos os custos de mantemento a longo prazo”.

Comparte este artigo