- Os concelleiros Rita Pérez e Roberto Villar presentaron o calendario de rutas para o mes de xullo. Este programa, consolidado cun gran éxito de participación ano tras ano, inclúe un amplo abano de propostas de carácter ambiental, histórico e patrimonial que suman un total de 16 saídas ao longo de todo o mes.
- A ruta “O Mundo das Aves e Outros Animais do Lusco e Fusco” é unha das novidades do programa. Será o 19 de xullo no novo paseo peonil de Porto Cedeira. A axenda complétase con rutas de sendeirismo, kaiak, visitas ao Cemiterio dos Eidos, as saídas “As Mulleres da Vila: Da Historia á Memoria” e a cita astronómica no Outeiro Grande, entre outras actividades.
O Concello de Redondela presentou a súa programación oficial de Roteiros Ambientais e Culturais para o mes de xullo de 2026. A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, e o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, deron a coñecer o programa, que conta con 16 actividades ao longo do mes. Pérez Táboas salientou que esta programación consolídase no verán redondelán “cun gran éxito de participación ano tras ano” e inclúe un amplo abano de propostas cun forte compoñente ambiental e histórico. A oferta patrimonial inclúe visitas con perspectiva social como o itinerario “As Mulleres da Vila: Da Historia á Memoria” (14 e 28 de xullo) ou os dous percorridos guiados ao Cemiterio dos Eidos (7 e 21 de xullo). Pérez lembrou que “estas propostas dinamizan o turismo local e cultural fóra dos circuítos convencionais”.
Recuperar espazos públicos naturais para a veciñanza
A gran novidade deste verán é a actividade “O Mundo das Aves e Outros Animais do Lusco e Fusco”, o domingo 19 de xullo de 19:45 a 22:00 horas. Neste roteiro os participantes poderán coñecer a biodiversidade deste espazo natural, ademais de poñer en valor paseo peonil de Porto Cedeira, unha infraestrutura litoral habilitada polo Concello para conectar a contorna urbana co mar a través dunha senda sostible de 2.000 metros. Este novo paseo amosa “o compromiso firme do Goberno local por recuperar espazos públicos para a veciñanza e convertelos, ao mesmo tempo, en aulas de natureza abertas a todo o mundo”, explica o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar. O edil fixo fincapé no coidado ambiental que rexe estas actividades, lembrando que a maioría transcorren por espazos protexidos ou recuperados, como as rutas polos ríos Pexegueiro (11 de xullo) e Fondón (19 de xullo), ou o espazo arqueolóxico do Monte Penide (12 de xullo). “Melloramos espazos verdes para que a veciñanza poida gozar deles cun impacto cero no ecosistema”.
Un mes cheo de experiencias gratuítas
A programación complétase con saídas en kayak pola Enseada de San Simón e A Portela, a observación astronómica no Miradoiro do Outeiro Grande, paseos nocturnos en Cesantes e dúas visitas teatralizadas no Museo Meirande o sábado 25 . A maioría dos roteiros son de balde. Prazas limitadas. As persoas interesadas deben realizar inscrición previa a través do teléfono 986 401 713 ou do correo electrónico turismo@redondela.gal.

