Home Pontevedra Redondela presenta en Fitur a campaña “Única”  da man de Galicia Suroeste

Redondela presenta en Fitur a campaña “Única”  da man de Galicia Suroeste

0
2

Redondela está presente en Fitur un ano máis para participar nun dos grandes escaparates mundiais no sector turístico. Redondela participa da man de Galicia Suroeste para promover unha oferta baseada no seu patrimonio natural e paisaxístico, cultural e histórico. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas estiveron hoxe na feira en Madrid para dar a coñecer unha oferta “baseada nun turismo de calidade e sostible”. A oferta turística do Concello pon en valor xoias como a illa de San Simón, declarada “Lugar de Memoria Democrática”. Esta paraxe, que suma patrimonio natural e patrimonio histórico, atesoura un pasado digno de ser coñecido, xa que foi empregada como mosteiro, lazareto, campo de concentración e fogar para orfos.  A intención é “poñer en valor o patrimonio natural, paisaxístico e histórico do municipio a través do turismo”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.

Redondela forma parte da nova campaña turística “Única”, unha proposta que reivindica a singularidade, diversidade e autenticidade deste territorio de Galicia Sur situado entre o Suído, o Miño e o Atlántico. Este territorio ten identidade propia cun patrimonio natural e cultural excepcional, e cunha oferta turística que aposta pola calidade, a sustentabilidade e a experiencia auténtica. A campaña ‘Única’ é unha chamada a descubrir un destino que non se parece a ningún outro, onde cada visitante pode atopar unha experiencia persoal, próxima e inesquecible: natureza, patrimonio, gastronomía, cultura e tradicións.

Rivas destacou experiencias “únicas” que poden vivirse no municipio redondelán como kaiak pola enseada de San Simón, visitasr o cemiterio dos Eidos ou xoias admirar arquitectónicas do século XIX como son os viadutos de Madrid e de Pontevedra. Redondela cota tamén con grandes celebracións ao longo do ano como a Festa da Coca e as ancestrais danzas das Penlas e as Espadas, a Festa do Choco ou o Festival Internacional de Títeres, ademais dunha ampla e variada programación cultural.

O acto contou coa intervención de Sandra González, presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, e Ánxela Fernández, representante institucional do Xeodestino, e Pedro Blanco, Delegado do Goberno en Galicia.

Redondela comparte este xeodestino de Galicia Sur cos concellos de Gondomar, Nigrán, Mos, Tui, Soutomaior, Tomiño, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes,  O Porriño, O Rosal, A Guarda. Baiona e Oia.