HomePontevedraRedondela realiza a limpeza da marxe dos ríos para previr inundacións

Redondela realiza a limpeza da marxe dos ríos para previr inundacións

- Anuncio -spot_img

– Comeza a limpeza nas marxes dos ríos para evitar inundacións antes da época de chuvias. A alcaldesa explica que son labores de “prevención” nos tramos urbanos. Limparanse tamén tramos fluviais que corresponden a Augas de Galicia “por responsabilidade, ante a falta de actuación da Xunta”, sinala Digna Rivas. O Concello traballa tamén nun plan integral de prevención de inundacións.

– As labores de limpeza realizaranas brigadas especializadas en xestión ambiental que protexerán as especies autóctonas “sen danar o ecosistema de ribeira”. Os traballos realízanse este mes xa que entre marzo e agosto, ambos incluídos, prescíndese de facer actuacións nos ríos para respectar a época de cría da fauna fluvial.

O Concello de Redondela comeza a próxima semana a limpeza das marxes dos ríos nos tramos urbanos para evitar inundacións. Farano brigadas especializadas en xestión ambiental en coordinación coa concellaría de Medio Ambiente. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que son labores de “prevención” que se fan desde o Concello para que os cauces estean nas mellores condicións “antes da chegada das chuvias de outono e inverno”. A rexedora sinala a importancia de facer estas tarefas ao longo deste mes e lamenta que desde Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta non se estean a realizar as labores de mantemento necesarias nos ríos. “Queremos evitar situacións de risco ou desgrazas como as que provocaron os incendios este verán en moitos lugares de Galicia por falta de previsión”. Rivas avanza que “por responsabilidade e para evitar riscos para a cidadanía” o Concello vai asumir o custe dos traballos de limpeza en tramos fluviais que son competencia de Augas de Galicia “ante a deixadez da Xunta”.

Os traballos de limpeza realizaranse este mes nos tramos urbanos do Pexegueiro, Alvedosa e Maceiras ao seu paso por Redondela, así como nos ríos Fondón e Maceiras na parroquia de Chapela.  Este ano tamén se actuará na canle do río Pugariño, limítrofe con Vigo, malia que a competencia é da Xunta. Fóra dos dos tramos urbanos o río é competencia exclusiva de Augas de Galicia”.  Desde a concellería de Medio Ambiente confían en que a Xunta realice tamén as tarefas de mantemento e limpeza nos tramos que lle corresponde “antes de que cheguen as fortes precipitacións do outono”, xa qe en zonas do Viso ou Reboreda estas tarefas non se están a realizar. Rivas advirte que desde o Concello “preocupámonos polas necesidades da cidadanía e asumimos competencias que non nos corresponden debido á falta de resposta da Xunta”. Mostra diso é que Redondela traballa xa nun plan integral de prevención de inundacións.

Protexer un ecosistema sensible

Os traballos realízanse este mes xa que desde marzo ata agosto, ambos incluídos, prescíndese de facer actuacións nos ríos “para preservar este delicado ecosistema e respectar a época de cría de aves e anfibios”. Nas labores de limpeza protéxense as especies autóctonas “sen danar o hábitat e a vexetación de ribeira”. O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, lembra que este ecosistema cumpre un papel “fundamental” para manter vivo o río e a súa fauna. 

Publicacións Relacionadas