– O Goberno local presenta un proxecto de reforma integral para os barrios de Porto Cabeiro e A Millarada que recupera 2.835 m² para as persoas. As obras están valoradas en 401.700 euros e serán financiadas con fondos propios do Concello, previa aprobación no pleno da Corporación.
– A alcaldesa, Digna Rivas, explica que a actuación eliminará o perigo do tráfico pesado e creará un “camiño escolar seguro con plataforma única, zonas verdes e mobiliario urbano”. O obxectivo é “transformar un espazo actualmente dominado polos vehículos nun entorno saudable, inclusivo e, sobre todo, seguro para a infancia”.
O Concello de Redondela avanza na súa estratexia de recuperación de espazos públicos para a cidadanía. O proxecto de creación dunha área de convivencia no entorno do CEIP de Porto Cabeiro gaña un espazo de case 3.000 m² para os peóns. A intervención, que conta cun orzamento base de licitación de 401.700 euros, transformará radicalmente a Estrada de Porto Cabeiro e o Camiño do Campiño para priorizar a seguridade dos escolares e o benestar da veciñanza. Digna Rivas explica que o obxectivo prioritario é “transformar un espazo actualmente dominado polos vehículos nun hábitat saudable, inclusivo e, sobre todo, seguro para a infancia”. A alcaldesa destacou que a situación actual é “insostible” para a comunidade educativa. Con beirarrúas de apenas un metro de ancho e un tráfico constante de vehículos pesados que acceden ás naves lindeiras, o acceso ao colexio supón un risco diario. “Queremos que Porto Cabeiro e A Millarada teñan por fin un espazo de referencia, unha zona amable onde a veciñanza poida pasear e os nenos e nenas gañen autonomía”.
Un deseño para as persoas
O proxecto, que abrangue unha superficie de 2.835 m², contempla a transformación radical do viario mediante dúas solucións técnicas: por unha banda unha plataforma única na Estrada de Porto Cabeiro cun espazo amplo e seguro arredor do CEIP, o Parque Infantil Luis Seoane e a parcela dotacional municipal, con novo mobiliario urbano e arborado; por outro lado o calmado de tráfico no Camiño do Campiño, cunha plataforma elevada onde a velocidade se limitará a 10 km/h, garantindo unha senda peonil de 2,5 metros de ancho.
Sostibilidade e Seguridade Viaria
Esta actuación aliñase cos obxectivos do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Redondela e os principios da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra. Ademais de mellorar a seguridade, o proxecto loita contra o cambio climático ao reducir as emisións e o ruído, mellora o drenaxe de augas e aposta por unha iluminación eficiente. Con esta obra, Redondela non só mellora as infraestruturas de Cabeiro e Vilar de Infesta, senón que pon os cimentos para implementar os Camiños Escolares Seguros, fomentando hábitos de vida saudables dende a escola.
Desde o goberno local explican que esta actuación será financiada con fondos propios do Concello, a través do remanente, para o que se levará ao pleno ordinario deste mes de febreiro o próximo xoves día 26.
Mellora da seguridade viaria desde a N-555 ata o camiño do Campiño
Este proxecto da contorna do CEIP Porto Cabeiro completa a mellora da seguridade viaria que xa está contemplada desde a N-555 e o camiño do Campiño. Esta renovación integral da estrada permitirá incluír un paso peonil seguro para facilitar o acceso ao colexio con beirarrúas nunha das marxes da vía. Tamén se incluirán elementos vexetais ao longo do trazado. Os traballos licitaranse por un importe superior aos 530.000 euros dentro do plan +Provincia financiado pola Deputación de Pontevedra.



