Reices reclama (outra vez) ao alcalde o expediente que autorizou a destrución da illa da praia fluvial do Liñares

adminON
Lectura mínima de 2

“A ocultación ou demora á hora de facilitar información só incrementa a sospeita de que o goberno non actuou con transparencia nin dentro da legalidade”, sinala Reices.A

Xoán Reices, portavoz municipal do BNG, lembra que xa en xuño pasado o BNG denunciara publicamente a destrución da illa natural da praia fluvial do Liñares, e solicitara explicacións ao goberno municipal do PP, pedindo tamén o acceso á documentación que avalase a intervención. “Queremos saber con que permisos se fixo, se o alcalde era consciente do impacto que ía ter e se Augas de Galicia tiña coñecemento desta actuación”, afirma o concelleiro nacionalista.

O BNG da Estrada, a través do seu concelleiro Xoán Reices, reclama novamente expediente que supostamente autorizou a destrución da illa natural do Liñares, unha actuación que cualifica de “desfeita medioambiental e patrimonial”.

Reices critica a tardanza na entrega da documentación solicitada, que aínda non foi posta a disposición do grupo municipal a pesar de que transcorreron meses desde a primeira petición. “A ocultación ou demora á hora de facilitar información só incrementa a sospeita de que o goberno non actuou con transparencia nin dentro da legalidade”, sinala Reices.

“Un goberno Terminator contra o medio natural”

O edil do BNG insiste en que a destrución da illa natural supón un atentado contra un espazo de gran valor ambiental e social: “É inconcibíbel que se poida actuar con este desleixo e impunidade sobre un entorno de lecer e esparexemento tan especial para os nosos veciños e veciñas”.

Reices cualificou ao executivo popular de “goberno Terminator”, lembrando que “non é a primeira vez que arrasan espazos naturais: hai dez anos fixeron o mesmo coa praia fluvial de Barcala, situada en plena Rede Natura 2000”.

Comparte este artigo