O BNG vén de solicitar ao goberno de Ángel Moldes na Comisión de Urbanismo que acondicione de maneira urxente o parque infantil do Sartal. A nacionalista Marga Caldas denuncia que o seu estado actual é inaceptable, sucio, con danos e cheo de maleza, e acusa ao alcalde de abandonar os espazos públicos en lugar de mantelos en condicións “dignas e seguras” para as crianzas.
O parque infantil do Sartal, explica a voceira, presenta condicións que son pouco adecuadas para o xogo e a diversión das e dos máis pequenos, supoñendo un risco potencial para a súa seguridade. “As instalacións deterioradas e o abandono xeneralizado deste espazo non fan máis que evidenciar a falta de atención e compromiso do goberno do PP cara ao mantemento dos nosos espazos públicos”, advirte.
Segundo a nacionalista, o mal estado xeral deste parque en concreto e dos espazos públicos no municipio en xeral é consecuencia dos continuos recortes no mantemento que Moldes e a súa equipa levan facendo nos últimos anos. A voceira do Bloque critica que Moldes presuma de ser un bo xestor cando, pola contra, no día a día do concello hai un total abandono das zonas comúns de convivencia, que cada vez son menos utilizadas pola xente de Poio debido ao seu estado “lamentable”.
Caldas subliña que o BNG está constantemente trasladando ao goberno local, tanto no Pleno como nas Comisións, peticións e queixas da veciñanza para que acondicione todas as áreas de xogo, prazas e parques nas diferentes parroquias. Subliña que se o goberno local non se dá conta da necesidade de melloras e de garantir lugares seguros nos que estar e xogar, “entón o que hai é unha grave desconexión coa realidade e o cotiá”. “Nós seguiremos dando a batalla porque o coidado das zonas comúns debe ser prioritario”, subliña.
A voceira do BNG destaca que un dos sinais de identidade do Concello de Poio nos anteriores mandatos foi o coidado e mantemento constante dos espazos públicos. Lamenta que nestes momentos a imaxe que está a dar o municipio, tanto ante a súa veciñanza, como antes as persoas visitantes, que agora se incrementarán durante o verán, resulta “lamentable”.