Denuncia que as obras de substitución do tartán non remataron este xoves, como estaba previsto, e desconfía do novo prazo anunciado pola concellaría de Deportes
Xabier P. Igrexas: “Esta nefasta xestión para unha pequena actuación parcial explica queca nada se teña avanzado na reforma integral prometida de forma reiterada por Caballero”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que as pistas de atletismo de Balaídos non reabriron este xoves, data anunciada polo Goberno local de Vigo para o remate das obras de substitución do tartán. O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, criticou este novo incumprimento da concellaría de Deportes, tal e como advertira a fronte nacionalista e temían as persoas usuarias e clubs de atletismo.
Igrexas asegura que a única comunicación oficial deste atraso foi unha modificación realizada a bolígrafo no cartel que pendurara o Concello na porta de acceso ás instalacións. A data anunciada pasou así do 22 ao 24 de outubro, un prazo que as nacionalistas desconfían que se vaia cumprir diante da “nefasta” xestión amosada pola área dirixida por Manel Fernández.
O BNG interpelou sobre esta cuestión, o pasado luns, na Comisión Informativa sen obter resposta do edil de Deportes. Un silencio que, a xuízo das nacionalistas, evidencia que o Goberno municipal non tiña intención de reabrir na data inicialmente prevista. “Non temos ningunha seguridade nin moito menos confianza en que as pistas de atletismo poidan estar en funcionamento no día de mañá”, adiantou o portavoz do Bloque.
Considerou este atraso nas obras unha evidencia máis da “incompetencia” do Goberno municipal nesta materia, a pesar do papel referente da cidade. “O Goberno de Caballero ten que deixar de castigar o deporte vigués, e de cebarse especialmente co atletismo”, volveu demandar Igrexas diante dos numerosos incumprimentos.
Reforma integral
Para o BNG esta “incapacidade” para executar en tempo e forma unha pequena actuación de reparación do tartán explica que non se teña avanzado nada na reforma integral das pistas de atletismo dende o ano 2009, malia os “reiterados anuncios propagandísticos” do alcalde, Abel Caballero.
Nese sentido, o portavoz municipal afeou a última promesa incumprida polo rexedor que comprometeu que os traballos nas pistas se iniciarían en paralelo coa bancada de Gol no estadio de Balaídos. Esixiu por este motivo garantías para que a reforma integral se inicie canto antes e poñer fin ao “abandono” que presentan as instalacións de atletismo.



