Soutomaior atenderá a todas as persoas maiores dependentes de grao 2 e 3

Redacción

O Concello incrementa nun 170 % o orzamento destinado á protección e promoción social desde 2022, ata acadar 1.174.598 euros en 2027, e eleva a licitación do SAF en case 800.000 euros anuais respecto ao anterior contrato.

O Concello de Soutomaior garantirá ao longo deste ano a atención de todas as persoas maiores en situación de dependencia de grao 2 e 3, grazas ao reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ao incremento dos recursos municipais destinados á protección social. Un compromiso que permitirá dar resposta ás necesidades de atención da veciñanza dependente e poñer fin ás listas de espera que existían para acceder a este servizo.
Esta aposta reflíctese tamén nos orzamentos municipais para 2027, que reservan 1.174.598 euros á área de protección e promoción social, a segunda partida de gasto máis importante das contas municipais. Unha cifra que representa un incremento do 170 % respecto aos 434.000 euros destinados a esta área en 2022.
No caso do Servizo de Axuda no Fogar, o Concello incrementou a licitación en case 800.000 euros anuais respecto ao contrato do anterior goberno, duplicando practicamente os recursos destinados a este servizo.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que estas cifras responden a unha maneira concreta de entender a acción de goberno: “Os orzamentos son tamén unha declaración de prioridades. En 2022 destinábanse 434.000 euros á protección e promoción social e en 2027 imos acadar 1.174.598 euros. Estamos falando dun incremento do 170 %, porque temos claro que o diñeiro de Soutomaior ten que estar ao servizo da veciñanza, especialmente de quen máis o precisa. Coidamos de quen nos coidou e queremos que ningunha persoa maior dependente quede sen a atención que necesita”.
Lourenzo sinalou tamén que a Xunta de Galicia confirmou que complementará o esforzo económico realizado polo Concello para reforzar o SAF, o que permitirá garantir a atención a todas as persoas dependentes de grao 2 e 3 ao longo deste ano no concello de Soutomaior.
“É unha moi boa noticia para Soutomaior. As listas de espera que había para acceder ao servizo de axuda no fogar teñen que quedar atrás. Todos os nosos veciños e veciñas con dependencia de grao 2 e 3 van contar coa atención que precisan. É un obxectivo que non se está conseguindo na maioría dos concellos e que nós queremos facer realidade”, afirmou o alcalde.
O rexedor lembrou, ademais, que o SAF é unha competencia da Xunta de Galicia e que, malia iso, os concellos están asumindo unha parte moi importante do seu financiamento para poder garantir a atención á cidadanía.
“En Soutomaior estamos achegando arredor de 22 euros por cada hora de atención ás persoas maiores. É unha cantidade moi importante de recursos municipais que estamos destinando a unha competencia que lle corresponde á Xunta. Os concellos estamos facendo un esforzo extraordinario porque non podemos permitir que as persoas dependentes queden desatendidas mentres agardan por un servizo que necesitan”, explicou.
Desde o Goberno municipal destacan que o incremento dos recursos destinados á protección e promoción social é unha das liñas fundamentais do orzamento de 2027. Unhas contas que buscan reforzar os servizos públicos, ampliar a atención ás persoas que máis o precisan e garantir que os recursos municipais se traduzan en máis benestar e calidade de vida para a veciñanza.
Máis recursos para as persoas que máis o precisan. Coidar de quen nos coidou é unha prioridade para Soutomaior.
Para máis información sobre Servizo de Axuda no Fogar, as persoas interesadas poden contactar cos servizos sociais municipais no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos) en horario de 9:00 a 14:00h. ou a través do teléfono 986 705 106.

Comparte este artigo