O PP de Ourense apela na Cuña á movilización do 29N e reivindica as 64 vivendas públicas de Mariñamansa que a Xunta sorteará en decembro

Redacción

· Ana Méndez Gil chama á participación nas urnas para levar a Alberto Núñez Feijóo á Moncloa e María Martínez Allegue anuncia que o sorteo das vivendas será o 1 de decembro

· Miguel Ángel Santalices defende a incorporación do termalismo á carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde

· Sonia Ogando, candidata suplente ao Congreso, cifra en 305 millóns de euros o investimento da Xunta nas 1.900 vivendas protexidas que ten en marcha en Galicia

O PP de Ourense chamou esta tarde á mobilización nas urnas no mitin celebrado no Centro Cívico da Cuña, no que o acceso á vivenda centrou boa parte das intervencións. No acto participaron a presidenta da Xestora Local, Ana Méndez Gil, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o cabeza de lista ao Senado, Miguel Ángel Santalices, a candidata suplente ao Congreso, Sonia Ogando, e o presidente do distrito de Mariñamansa, Jorge Pumar.

Méndez Gil abriu o acto dando a benvida á veciñanza e destacou a ilusión que, segundo explicou, o partido está a percibir estes días na carpa informativa e nos encontros a pé de rúa. A presidenta da Xestora Local defendeu que o PP pode achegar estabilidade a España e pediu unha ampla participación nas eleccións do domingo. “Imos levar a Alberto Núñez Feijóo á Moncloa e Ourense non lle vai fallar”, afirmou, antes de pedir “que ninguén quede na casa e que todos vaiamos votar”.

Allegue puxo como exemplo da política de vivenda da Xunta a promoción que se está a rematar en Mariñamansa. “O mellor exemplo témolo aquí ao lado, neste barrio de Mariñamansa, onde se están acabando de construír 64 vivendas de promoción pública”, sinalou. A conselleira anunciou que os pisos, situados na praza Cambedo da Raia e destinados ao alugueiro, se sortearán ante notario o martes 1 de decembro, ás 10.00 horas, na Delegación Territorial da Xunta en Ourense.

A promoción conta con 17 vivendas de dous dormitorios, entre elas as adaptadas, 39 de tres e oito de catro, cunha reserva do 40 % para menores de 36 anos. Allegue lembrou tamén que a Xunta ten en marcha o proxecto do Vinteún e cifrou nun millón de euros o importe que o Executivo galego pagou á Sareb polos terreos de Mariñamansa. A conselleira reprochou ao Goberno de Pedro Sánchez que, segundo afirmou, non construíse ningunha vivenda en Ourense durante o seu mandato e salientou que o programa de Alberto Núñez Feijóo prevé a creación de máis dun millón de vivendas en toda España.

Pola súa banda, Santalices defendeu a necesidade dun Goberno forte e sólido que “respecte ás institucións”. Entre as prioridades para Ourense, o candidato ao Senado destacou a incorporación do termalismo á carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde.

A vivenda e o contacto coa veciñanza marcaron a xornada

A vivenda xa centrara pola mañá unha comparecencia ante os medios xunto á promoción de Mariñamansa. Alí, os populares advertiron de que o parque dispoñible é insuficiente e defenderon que ampliar a oferta é a principal vía para facilitar o acceso á vivenda. Sonia Ogando destacou que a Xunta prevé destinar os 64 pisos ao alugueiro social en decembro. A candidata suplente ao Congreso cifrou en 305 millóns de euros o investimento do Goberno galego nas 1.900 vivendas protexidas que ten en marcha en Galicia e en tres millóns a achega do Executivo central a esas actuacións.

A axenda de campaña na cidade incluíu dúas mesas informativas na rúa do Paseo, a primeira con Rosa Quintana, Celso Delgado, Miguel Ángel Santalices e Sonia Ogando, e a segunda con Delgado e Ogando. Pola mañá, Rosa Sánchez realizou unha visita pola avenida de Marcelo Macías e a Carballeira. Para a tarde, Roberto González percorreu a Ponte, San Rosendo e a contorna da estación, visitou as instalacións deportivas de Salesianos e Os Remedios e achegouse á Milagrosa con Rosa Quintana e Belén Iglesias. A axenda na cidade incluiu tamén un percorrido de Celso Delgado e Sonia Ogando pola rúa Lepanto.

Comparte este artigo